A GUARDA CELEBROU O "DÍA DO SEÑOR"
· Con alfombras de flores nas prazas da vila
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Coordinada pola Asociación Cultural Alfombras da Guarda, que oportunamente fixo pública á proposta "Fai a túa alfombra floral na praza", unha representación da veciñanza guardesa púxose a traballar coa correspondente previsión. Dese xeito, e tendo en conta os vixentes protocolos anti Covid-19, a vila foi este domingo día 6 de xuño de 2021, escenario dunha mostra de arte efémero, para conmemorar o "Día do Señor" - como se dí, desde tempos inmemoriais, na nosa localidade - e así manter no tempo unha tradición moi antiga que en 2020 interrompeuse por causa da pandemia sanitaria.
Segundo o indicado pola Asociación Cultural Alfombras da Guarda nas bases da convocatoria, nesta edición o labor de realización dos tapetes florais comezou este domingo ás 9:00 horas. Asemade, a diferenza doutros anos, o tamaño das obras foi sensiblemente diferente toda vez que ao estar limitado o número de persoas non conviventes que podían reunirse, non permitía despregar á loxística habitual, tanto nos labores de recolección dos materiais naturais (árnica, Briza maxima, buxo, mimosa, Galactites tomentosa, hortensias, pampullos, tulla, xesta,...), como no posterior proceso de debullado nas "chabolas", como se adoita chamarlles aos baixos das vivendas do barrio de pescadores.
Baixo o lema "A Guarda, camiño da costa, camiño das flores", esa artística mostra amosou un mosaico de alfombras florais, cuxas teselas - dito sexa en senso figurado - veciños e visitantes puideron admirar nas seguintes ubicacións: Praza da Guía, praza de San Bernardo, praza de Santo Tomás, igrexa parroquial, praza do Reló, praza de San Marcos, fonte da Ponte, praza de Juan Bautista Alonso Español (Monte Real), rúa Joaquín Alonso (Praza Nova), praza de Avelino Vicente González, rúa Tío Binito, rúa Concepción Arenal, adro da igrexa de San Bieito, Auditorio San Bieito, O Pirún e praza de San Caetano.
E pétalo a pétalo, foi como á cidadanía guardesa voltou a unir creatividade, deseño - nesta ocasión de inspiración xacobea - e traballo, logrou en irmandade, materializar unha vez máis, unha verdadeira ofrenda colectiva na honra do Santísimo Sacramento que foi presenciada ao longo de toda á xornada dominical, por moitas persoas de A Guarda, doutras localidades do Baixo Miño, do veciño Portugal e mesmo por decenas de peregrinos procedentes de diferentes países, que están facendo súa peregrinación polo fermoso Camiño Portugués pola Costa que ten na nosa vila, súa entrada en Galicia a través do río Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario