18 de maio de 2021

OIA

O Concello de Oia avanza no proceso para establecer o seu escudo oficial 

Este mércores día 19 de maio, celebrarse un novo encontro con membros da Comisión de Heráldica

 

A alcaldesa do Concello de Oia nunha reunión de traballo con membros da Comisión de Heráldica 

Foto: C.O.
 

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia continúa avanzando no proceso para definir o escudo e bandeira oficial do municipio e, con ese obxectivo, manterá unha nova xuntanza coa Comisión Heráldica -órgano consultivo da Xunta de Galicia, ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras-. 

 O encontro desenvolverase mañá mércores 19 de maio, en Oia. A fin de traballar desde a participación e a procura de consensos, o executivo local convidou a esta reunión de traballo con Heráldica a representantes dos grupos da oposición, a diversas persoas de referencia na investigación da historia local, toponimia e patrimonio e aos veciños que formularon algunha proposta concreta relativa ao escudo e bandeira de Oia. 

 O pleno municipal aprobou inicialmente o pasado mes de xaneiro unha proposta de escudo e bandeira oficial para o municipio xurdidos dos traballos previos desenvolvidos pola Comisión Heráldica. Tras a antedita aprobación, o goberno local abriu un período de reflexión a fin de resolver posibles dúbidas e ofrecer a posibilidade de que os propios veciños e veciñas presentasen no Concello as súas propostas de mellora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario