18 de maio de 2021

LABORAL

A amoestación a unha traballadora de Pescanova que  denunciou acoso sexual na empresa, a xuízo 

A CIG convoca unha concentración de apoio á afectada no Xulgado do  Social de Vigo este xoves ás 11:30 horas 


Ester Mariño, técnica de Igualdade da CIG, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a Suso García, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, para informar da celebración do xuízo

Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 O Xulgado do Social número 5 de Vigo acollerá este xoves día 20 o xuízo no que se dirimirá a pertinencia ou non da amoestación de Nueva Pescanova a unha traballadora do Centro Industrial do  Porriño que denunciou acoso sexual por parte dun encargado ao entender que a afectada  obstaculizou a labor da comisión encargada de investigar o caso. A CIG convocou unha  concentración de apoio a partir das 11:30 horas diante do edificio xudicial.  

 A central sindical presentou un recurso contra a amoestación no que denuncia tamén a vulneración  de dereitos por parte da empresa por falta de protección ante un caso de acoso despois de que  Pescanova lle comunicase á empregada que cometeu o que considera unha falta moi grave pola que  a podería despedir, pero que se limita a amoestala. 

 “Non o fixeron porque pensen que presentou unha denuncia falsa, senón porque entenden que tras  oito meses de procedemento insufríbel obstaculizou o labor da comisión contra o acoso porque  reclamou que deixara de actuar por falta de confianza; consideran que a afectada cuestionou a labor  a comisión, cando a propia Inspección de Traballo tamén o fixo tras unha denuncia da CIG”, explica Ester Mariño, técnica de Igualdade da CIG. 

 Mariño compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a Suso García, secretario comarcal da FGAMT_CIG de Vigo, para informar da celebración do xuízo, que terá lugar este xoves día 20 ás 12:15  horas, e anunciar que a central sindical ten convocada unha concentración de apoio á traballadora  diante do edificio xudicial que dará comezo ás 11:30 horas. Mariño e García debullaron o acontecido dende que a afectada decidiu denunciar o que lle estaba a  acontecer. “Hai case dous anos presentou unha denuncia na empresa por acoso laboral e sexual e a  empresa veuse obrigada a activar o protocolo de acoso, aínda que os problemas dende o inicio foron constantes, comezando pola demora na súa posta en marcha”, indicaron. 

 Pero o proceso pechouse cunha amoestación á traballadora por supostamente ter obstaculizado a  comisión de acoso, “algo surrealista”. Para García, este caso amosa o xeito que teñen as grandes  empresas de entender a igualdade entre as persoas e o respecto aos dereitos das mulleres: “moita  publicidade, moitos laciños e moitas historias, pero nas liñas de produción a cousa cambia moito”. 

Vulneración de dereitos 

 Pola súa banda, Mariño lamentou que despois de que a traballadora presentase unha denuncia na  empresa porque considerou que estaba a ser obxecto de acoso sexual polo comportamento dun  superior inmediato que a ela lle ofende dende o primeiro momento a dirección actúa vulnerando os  seus dereitos: cámbiana de quenda de traballo; rebelan a súa identidade, pero non a do denunciado; non protexen as mulleres que van a testificar aos seu favor, etc.  

 Incumpren incluso os prazos establecidos no seu propio protocolo de acoso, xa que o proceso ten  que durar 30 días e prolóngase durante oito meses. “E para colmo péchase cunha sanción á  traballadora, porque no medio deste despropósito decide comunicarlle á comisión que pare o  procedemento porque non confía no traballo que está a desenvolver e acude á Inspección de  Traballo; entón a empresa considera que iso é obstaculizar a denuncia”.  

 A técnica de Igualdade da CIG critica que con este xeito de actuar a empresa transmite que a  culpábel é a traballadora, “que só quere facerlle mal a el e que coidadiño con denunciar algo,  porque logo saes mal parada, porque as consecuencias para ela a nivel laboral non son só que a  xente a sinale, senón que xa non a poñen en certos postos que teñen pluses económicos, nin a ela  nin ás persoas que declararon ao seu favor”. Por iso cualifica de “tremenda” a mensaxe que  Pescanova lle traslada ao seu cadro de persoal. 

 “Isto fai que vaiamos ao Xulgado non só a denunciar as atrocidades que a empresa cometeu en todo  o proceso, senón que tamén queremos facelo público para que este tipo de compañías non queden  con esta imaxe de respecto, de solidariedade e de empatía cos dereitos das mulleres e mesmo coa  loita feminista, cando despois as traballadoras que padecen estas situacións dentro das súas fábricas  aínda por riba son sancionadas”. 

 Ao mesmo tempo sinalou que, ademais de todo o que aconteceu, tras a primeira rolda de prensa na  que se denunciaron os incumprimentos da empresa e a falta de protección das traballadoras ante  casos de acoso as persoas que participaron na comparecencia diante dos medios de comunicación, a  traballadora afectada e o propio sindicato recibiron unha citación para un acto de conciliación  previo a unha querela criminal por parte de Francisco Javier López Iglesias na que acusa dun delito  de calumnias e inxurias graves regulado no artigo 209 do Código Penal e solicita unha  indemnización de 30.000 euros.  

 “Este señor entende que nesa rolda de prensa se lle inxuriou e calumniou, cando o único que  fixemos foi denunciar a actitude da empresa; nós non sabemos quen é o home denunciado, pero  entendemos que debe de ser Francisco Javier López Iglesias, tendo en conta a súa reacción contra o  sindicato”. Neste senso, fai fincapé en que na rolda de prensa unicamente reclamaban máis  protección para as traballadoras de Pescanova, pero a cambio recibiron un acto de conciliación  previo a unha querela criminal. “Unha vez máis vemos como se ataca calquera intento de responder  á violencia de xénero ou ás agresións sexuais”. 

Sinalada e cuestionada 

 Mariño citou un caso recente moi similar, na que un panadeiro foi condenado por agresión sexual  no traballo. “A afectada trasladou que todo o que está a padecer é un verdadeiro calvario, porque a  que realmente está a ser cuestionada e sometida a constantes xuízos é ela, mentres o condenado  segue a vender pan; pois neste caso sucede o mesmo, a traballadora de Pescanova segue sendo  sinalada e cuestionada dentro da fábrica, mentres o denunciado, que facía comentarios que a ela lle  molestaban, segue a ser xefe de liña e non sufriu ningunha consecuencia nin amoestación por parte  da empresa. En consecuencia, a vítima é dobremente vitimizada, e as persoas que intentamos  defendela, acusadas”.  

 Ademais, quixo deixar moi claro que o que acontece en Pescanova non é un caso illado, xa que  cousas similares suceden cada día nas grandes empresas, “que seguen a ser machistas a pesar dos  discursos”. En consecuencia, as mulleres vense obrigadas a aturar comportamentos e actitudes que  non deberan de estar permitidas. “O que queda claro é que se protestas ou decides denunciar a que vai saír mal parada es ti. E temos constancia que os comentarios de tipo sexista e sexual cara as  mulleres son constantes e están á orde do día dentro das fábricas de produción”.  

 Censurou tamén que a empresa “vaia por libre” e faga caso omiso aos requirimentos e sancións da  Inspección de Traballo a respecto da necesidade de modificar o protocolo de acoso para garantir o  anonimato das testemuñas. “Dixeron que non ían garantir o anonimato porque non podían e non o  fixeron; aquí a protección é para os acosadores e non para as vítimas, o que nos parece gravísimo”. 

 Finalmente, recoñeceu que “somos conscientes de que vai ser un procedemento moi longo, e  sabemos que queda moito camiño por diante a nivel xudicial, pero non se pode permitir que unha  muller que sofre acoso, ou que non o sufre pero quere presentar unha denuncia porque hai indicios  de que pode estar acontecendo, se vexa abocada automaticamente á perda do traballo en moitas  ocasións e outras a un cuestionamento social e a estar sinalada, mentres que as actitudes que poden  incorrer en acoso non se perseguen”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario