11 de maio de 2021

GALICIA

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal acada máis de 470 millóns de euros para desenvolver 1103 proxectos de innovación  

A meirande parte das iniciativas encádranse dentro das seis áreas estratéxicas de cooperación identificadas no marco da Estratexia de Especialización Intelixente Tranfronteiriza, liderada pola Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte 

Destacan as áreas de Industria 4.0, o tecido industrial agroalimentario e biotecnolóxico e a vida saudable e envellecemento activo  

A captación de fondos superou con moito as previsións, que se situaban en 360M€


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela 

 A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha dilixencia de traballo tecnolóxico enmarcado na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T), a primeira RIS transfronteriza da Unión Europea. Neste contexto, púxose de relevo que a captación de fondos europeos para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos superou con moito o previsto, con 471,8M€ acadados –fronte os 360M€ programados inicialmente– para un total de 1103 proxectos de innovación.

 Patricia Argerey subliñou que a meirande parte dos proxectos encádranse nas áreas estratéxicas de cooperación identificadas, fundamentalmente nas de Industria 4.0; Industrias agroalimentarias e biotecnolóxicas; e Vida saudable e envellecemento activo.

 O obxectivo da RIS3T é dinamizar a participación da Eurorrexión nas convocatorias europeas de cooperación interterritorial e constituír o marco para poñer en marcha accións e proxectos coordinados capaces de competir con maior éxito na captación de financiamento procedente do Programa Horizonte 2020. Liderada pola Xunta de Galicia, a través de Gain, e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDRN), nela participan máis de 200 empresas e centros de coñecemento de ambas as dúas rexións.

 Neste marco celebrouse o encontro desta mañá, organizado nesta ocasión pola Axencia Nacional de Innovación de Portugal, en colaboración con Gain, o CCDRN, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e a Axencia de Investigación Clínica e Innovación Biomédica (AICIB).

 O seu obxectivo, como sinalou a directora de Gain, é “proporcionar un punto de encontro entre axentes de innovación de ambas as dúas rexións, que xa está a dar resultados”. Ao longo da xornada, os participantes tiveron a oportunidade de compartir ideas, experiencias e capacidades nalgunhas áreas de especialización “nas que podemos atopar sinerxías que nos permitan abordar proxectos conxuntos”.

 Neste sentido, Patricia Argerey reivindicou a colaboración e a especialización como dous elementos chave para o deseño dunha estratexia de innovación eficaz. “Colaboración entre sectores, entre empresas e centros de coñecemento, entre pemes e tamén entre territorios, como Galicia e Portugal, con tantos puntos en común e tantas posibilidades de colaboración. E tamén temos que ter en conta que non podemos ser os mellores en todo -salientou Argerey-, polo que a nosa estratexia de innovación debe apostar pola especialización e centrar todos os esforzos naquelas materias nas que poidamos converternos en referentes. E sei que compartimos esa visión co norte de Portugal”.

 A directora de Gain incidiu ademais en que a innovación adquire unha “importancia crucial para avanzar no obxectivo estratéxico de afondar nun modelo económico máis baseado no coñecemento”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario