29 de maio de 2021

DEPORTES

Goián acollerá a 4ª proba do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica 2021  

· A proba discorrerá por augas do río Miño, á altura da praia de Goián (dotada dun pantalán adaptado) e fronte á localidade lusa de Vila Nova de Cerveira 

 

Na presentación estiveron Marcos Casaleiro e Carlos Estévez, en representación da Real Federación Galega de Motonáutica; Francisco Campo, concelleiro de Deportes do Concello de Tomiño, e Marcos Figueiras Pose, en representación de Fibralar

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño) acollerá o vindeiro 5 de xuño a cuarta etapa do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica 2021. A competición, que pretende facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte, foi presentada onte no Concello de Tomiño. 

 Na presentación estiveron Marcos Casaleiro e Carlos Estévez, en representación da Real Federación Galega de Motonáutica; Francisco Campo, concelleiro de Deportes do Concello de Tomiño, e Marcos Figueiras Pose, en representación de Fibralar, operadora de internet que patrocina o evento.  

 Pola súa banda, tanto o concelleiro coma o representante de Fibralar, aseguraron sentirse orgullosos de poder achegar o seu gran de area a unha competición destas características, e contribuir á inclusión das persoas con diversidade funcional da comarca.  

 A proba discorrerá por augas do Miño, á altura da praia de Goián, dotada dun pantalán adaptado.  

 Con arranque programado ás 10:30 horas, piloto e copiloto terán que enfrontarse a unha serie de probas de destreza, nun circuíto marcado por boias fondeadas sobre as que terán que trazar un percorrido con diversas dificultades, e que serán desveladas no último momento polo Comité de Xuíces da Federación Galega de Motonáutica 

 Segundo informaron os organizadores, doce equipos de toda Galicia confirmaron xa a súa asistencia a este campionato inclusivo, que chega xa ao seu sexto anoconsecutivo. 

 Sobre as 14.00h terá lugar a entrega de premios, coa presenza de autoridades locais e da Federación. 

 As persoas (especialmente aquelas con diversidade funcional) que desexen coñecer este deporte dende cerca, poden achegarse á competición, a cuxo término, poderán realizar un paseo en barco ou interiorizarse dos datos que precisen para a práctica da motonáutica ou a obtención da licencia de navegación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario