10 de maio de 2021

DEPORTES

 PIRAGÜISMO

O TEIXUGO LUÍS FERNÁNDEZ, NO CAMPIONATO EUROPEO DE SLÁLOM 

 

Luís Fernández, do Deportivo Miño-Teixugos
Foto: Rosa Fernández

 Informa: Rosa Fernández Carrera / Deportes

 Do 6 ao 9 de maio celebrouse na localidade italiana de Ivrea o Campionato de Europa de piragüismo na modalidade de slálom. España acudiu cun equipo formado por doce padeeiros, entre eles, Luís Fernández, do Deportivo Miño-Teixugos.  

 O deportista de Salceda de Caselas foi o único galego que deu superado os selectivos nacionais para entrar no equipo absoluto, concretamente na modalidade de C1 ou canoa.  

 Luís comezou a súa participación o venres día 7 coas clasificatorias. No seu primeiro intento, no que se clasificaban 20, rematou vixésimo oitavo cun percorrido sen fallos, pero algo lento, cun total de 95,23 segundos. Nas segundas clasificatorias, fixo unha baixada moito máis rápida, 90,45 segundos, pero unha penalización de 2 segundos por toque nunha porta, deixárono fóra de semifinais por menos de 4 décimas de segundo.  

 Nese mesmo día, pola tarde, xunto co catalá Miquel Travé e o vasco Ander Elósegui, participou na modalidade de canoa por equipos, rematando no sétimo lugar.  

 A súa vindeira cita coa competición oficial será o 22 de maio, na 3ª Copa de España de Slálom, a que acudirá o Club Deportivo Miño, con varios deportistas.  

 Podedes ver a primeira baixada de Luís na seguinte ligazón:  https://youtu.be/6NJFIJY6Hl8?t=4766

Ningún comentario:

Publicar un comentario