3 de out. de 2026

SALCIDOS (A GUARDA)

Rodrigo García gaña o 2º Concurso de Escultura en Pedra  

• A obra Muller deitada, do canteiro de Canido (Vigo), foi distinguida co primeiro premio do certame, celebrado este sábado no Parque do Monte Torroso no marco da Festa Cultural Gastronómica de Salcidos  


Cuqui Piñeiro felicitando a Rodrigo García, gañador do 1º premio do Concurso de Escultura en Pedra
Fotos: infogauda
No centro da imaxe, os tres canteiros premiados nesta edición, xunto con membros da xunta reitora da Comunidade de Montes de Salcidos e o concelleiro Isidro Lomba Lorenzo, en representación do Concello da Guarda

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A pedra volveu converterse este sábado en protagonista no Parque do Monte Torroso, onde se celebrou o 2º Concurso de Escultura en Pedra, unha das actividades destacadas da Festa Cultural Gastronómica 2026, organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos.  

 Nove canteiros participaron nesta segunda edición do certame, achegándose ata Salcidos desde diferentes puntos do sur de Galicia. Entre os participantes houbo artistas procedentes de Santiago de Compostela, Canido (Vigo), Reboreda (Redondela), Salceda de Caselas, Gondomar, Tui e Camposancos (A Guarda), que durante a xornada traballaron a pedra ante a mirada atenta dun numeroso público.

 Unha vez concluído o tempo establecido pola organización, chegou o momento da deliberación do xurado, integrado por Cuqui Piñeiro Álvarez, de Artebronce, de Goián; Chuny Vázquez Vicente, pintora e poeta; Beti Rey Ferreira, xornalista da Radio Municipal de Tui; Genaro Alonso Martínez, escultor da Guarda; e Ricardo Rodríguez Vicente, cronista de A Guarda.  

 Tras examinar as obras realizadas, o xurado acordou conceder o primeiro premio, dotado con 500 euros, a Rodrigo García, de Canido (Vigo), pola súa obra Muller deitada. O segundo premio, de 300 euros, foi para Nicolás Rincón, de Reboreda (Redondela), pola escultura Carneiro, mentres que o terceiro premio, dotado con 200 euros, correspondeu a Juan Vázquez, de Tui, pola obra Caracol.

Nove artistas e unha homenaxe á creación local  

 Entre os participantes nesta edición atopábase tamén Mónica Taboada, coñecida artisticamente como Puntal, pintora e creadora plástica natural de Camposancos, que se sumou así a un concurso que pretende consolidarse como unha das propostas artísticas da Festa Cultural Gastronómica.  

 Cómpre salientar tamén a presenza de tres canteiros procedentes de Tui, localidade que achegou o maior número de participantes a esta segunda edición.  

 A actividade espertou un notable interese entre os asistentes. Tanto durante o proceso de execución das esculturas como no posterior acto de entrega dos premios, o recinto rexistrou unha importante afluencia de público. Os aplausos dos presentes puxeron de manifesto o interese suscitado polo traballo dos canteiros e pola transformación dos bloques de pedra en auténticas pezas artísticas ao longo da xornada.

Música para acompañar a festa  

 A programación deste sábado completouse na tardiña con dúas actuacións musicais. Sobre o escenario pasaron a Banda de Gaitas Arume, de Malvas (Tui), e o Grupo QuédeQué, do Rosal, que puxeron a nota musical a unha xornada marcada pola cultura, a artesanía e a gastronomía. 

 

Un momento da actuación da Banda de Gaitas Arume, de Malvas
Algunhas das obras de Genaro Alonso que están expostas na Casa de Montes de Salcidos


 A Festa Cultural Gastronómica de Salcidos continuará este domingo cunha nova xornada de actividades. A partir das 10:00 horas, o público poderá asistir a unha exhibición de talla en madeira con motoserra, a cargo do polifacético artista Marcos Escudero, nunha demostración que permitirá comprobar en directo a transformación dun tronco de madeira de piñeiro nunha peza artística.  

 Pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda do Trío Luetto, mentres que ás 19:00 horas actuará Os Ventos do Minho, de Guillarei, con repertorio de música folk e contemporánea.

 A proposta gastronómica volverá ter tamén un papel protagonista, con comida a prezos populares, na que non faltarán o porco ao espeto, a zorza, a tortilla e as pizzas, ademais doutras propostas, acompañadas de bebida.  

 Para facilitar a asistencia, o recinto dispón de carpa e amplos espazos de aparcadoiro, nunha festa que volve combinar arte, música, gastronomía e participación veciñal no contorno do Monte Torroso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario