Marcha en defensa da Serra da Groba
Domingo, 16 Maio, as 11 da mañá, saída dende o Cortelliño
IEM* / Val Miñor
En primeiro lugar queríamos mandar os nosos parabéns a todas/os os que colaborastes a que a día de hoxe poidamos dicir que gañamos unha batalla, unha grande batalla que sen o esforzo colectivo non se tería dado e que nos anima a seguir colaborando e empurrando para conquerir a protección total da Serra do Galiñeiro. Polo de agora toca gozar desta victoria e coller azos para seguir. A Loita continua.
En segundo lugar convidarvos a que nos apoiedes, igual que fixestes co Galiñeiro, para tentar parar a aldraxe e desfeita que teñen programada para A Serra da Groba. Na Groba temos neste intre cinco parque eólicos vivos e con tramitación administrativa moi avanzada. Albariño I, Merendón, O Rosal, Toroña I e Torroña. Está a punto de saír o Torroña III e o Toroña. Sete parque eólicos, sete e 44 ou 54 aeroxeradores, depende de que documento e páxina da Xunta se consulte.
De calquera xeito, é unha agresión catastrófica a toda a serra, que trocaría o monte tal cal o vemos e destruiría os ecosistemas e o medio ambiente, con graves agresións a todo o patrimonio natural e cultural.
Este apoio podemos facelo público este domingo, día 16 de maio, na marcha que temos programada na Serra da Groba, con saída a 200 metros do Cortelliño, no Alto da Mata, ás 11 da mañá e que rematará ás 13 h.
Tentaremos visibilizar o problema e darlle un pulo a esta loita. Temos que ter en conta que a pandemia ténnos condicionado moito a hora de programar actividades e facer reunións, de aí a falla de asembleas para compartir información e debater estratexias. Agora, con tódalas precaucións, podemos ir facendo algunhas actividades e debemos axilizar os movementos. Os procesos administrativos non pararon nestes meses de pandemia, a pesares de que a cidadanía non podía moverse.
Reiterando os noso parabéns a todas/os, animarvos a que os que poidades nos acompañedes e, VENCEREMOS.
* Xunta de Goberno do IEM
Ningún comentario:
Publicar un comentario