13 de maio de 2021

O BAIXO MIÑO

O BNG anima á participación na marcha en defensa da Serra da Groba    

A formación nacionalista levará ao Parlamento Galego a reivindicación para que este espazo natural teña a máxima protección posíbel  

BNG / Baixo Miño

 A Serra da Groba constitúe un espazo de grande riqueza natural, patrimonial, arqueolóxica e paixasística que neste momento se ve ameazado pola instalación de parques eólicos. En concreto, os proxectos tramitados implicarían un total de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte.  

 Por este motivo, desde o BNG apoiamos e animamos á participación na marcha contra este proxecto eólico, convocada polo o IEM e a Plataforma SOS a Groba, para este domingo 16 de maio ás 11:00h desde o Alto da Mata, co fin de sumar forzas co obxectivo de frear esta nova ameaza ao noso medio natural, á vez que reclamará no Parlamento Galego a máxima protección medioambiental para a Serra da Groba.   

 Para o BNG o modelo eólico do PP, que ameaza a Serra da Groba e outros moitos espazos naturais ao longo do territorio galego, obedece a un modelo depredador que coloca Galiza como mera produtora de enerxía ao servizo do espolio das grandes eléctricas.   

 As grandes empresas do oligopolio eléctrico e os gobernos da Xunta e do Estado pretenden que Galiza sexa unha gran produtora de enerxía sen capacidade de decisión, cun modelo que non conta coa participación social e sen garantías de protección medioambiental, como no caso da Serra da Groba.   

 Fronte a este modelo, a organización nacionalista continuará a defender unha enerxía eólica sustentable, xusta e galega, que permita que galegas e galegos se beneficien da condición de potencia produtora de enerxía eléctrica.   

 Neste sentido, cómpre corrixir a antidemocrática falta de transparencia e información existente sobre estes proxectos eólicos e garantir a participación da sociedade galega. Sendo fundamental contar cunha nova lexislación e un novo Plan sectorial que ordene o territorio e blinde aquelas zonas que, como a Serra da Groba, deben estar libres de eólicos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario