26 de abr. de 2021

SALVATERRA DE MIÑO

Fernández-Tapias supervisa o remate das obras da senda entre o centro urbano de Salvaterra e Zacoteiras e a mellora da rúa Rosalía de Castro  

A Xunta de Galicia asumiu o custo desta intervención, cun investimento de preto de 682.000 euros, e o concello a titularidade dos dous tramos das estradas PO-400 e PO-402

A delegada territorial da Xunta destacou que o Executivo galego segue a mellorar as condicións de accesibilidade e mobilidade e a reforzar a seguridade viaria


A delegada territorial da Xunta en Vigo, acompañada da alcaldesa de Salvaterra de Miño, e do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, hoxe en Salvaterra de Miño

Foto: X.G.

Infogauda / Salvaterra de Miño

 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañada da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díaz, supervisou o remate da execución da senda peonil desde o centro urbano da vila e o núcleo de poboación das Zacoteiras, nas estradas PO-400 e PO-402, e a rehabilitación do firme da estrada PO-400, no tramo que coincide coa rúa Rosalía de Castro.

 Dúas actuacións coas que o Executivo autonómico, en palabras da representante autonómica, segue a mellorar as condicións de accesibilidade e mobilidade dos veciños deste concello pontevedrés e o reforzo da seguridade viaria.

 Os gastos de execución, por preto de 682.000 euros, corresponderon á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, mentres que o Concello encargouse de dirixir e executar as obras. Previamente á licitación, tal e como recolle o convenio, a Administración local asumiu a titularidade do treito da senda peonil e do tramo da rúa Rosalía de Castro, salvo calzada e beiravías.

 Así, segundo informou Fernández-Tapias, a primeira das intervencións consistiu na construción dunha senda peonil na marxe dereita das estradas PO-400, puntos quilométricos 1+120 – 2+380, e PO-402, entre os puntos quilométricos 0+000 – 0+140, que parte do centro urbano de Salvaterra de Miño e vai ata o núcleo de Zacoteiras.

 Trátase dun itinerario de case 1,5 quilómetros de lonxitude adaptado á orografía, que se completou cunha rede de drenaxe para recollida, canalización e evacuación das augas de escorrentía, a preinstalación dos servizos de alumeado público e telecomunicación e a disposición da sinalización vertical e repintado das marcas viarias afectadas.

 A segunda das actuacións comprendeu a rehabilitación do firme da estrada PO-400 ata a glorieta de intersección coa PO-402, no tramo urbano que se corresponde coa rúa Rosalía de Castro, incluíndo a limpeza das marxes e apertura de cunetas, o reforzo de firme e o pintado de marcas e sinais. A delegada recordou que se trata dun viario moi transitado por vehículos e peóns e que cruza o centro da vila ata o núcleo de poboación de Oleiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario