26 de abr. de 2021

CULTURA

A Xunta de Galicia e o Museo do Pobo Galego reforzan a súa colaboración cunha partida extraordinaria para completar a museografía  

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, asinan o convenio 

O acordo supera os 500.000€, dos cales 200.000 están destinados ao novo proxecto expositivo no que o Goberno galego é a única administración implicada

O Goberno galego mantén un firme compromiso cos equipamentos culturais, que se reflicte nun incremento do 12% no orzamento destinado a este fin


O acordo foi asinado hoxe polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi

Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 A Xunta de Galicia reforza a súa colaboración co Museo do Pobo Galego a través dun convenio de colaboración entre ambas institucións que este ano inclúe unha partida extraordinaria de 200.000€ para completar o deseño dunha nova museografía tras a ampliación, inaugurada o pasado marzo. O acordo foi asinado hoxe polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi.

 Este investimento de máis de 500.000 euros, contribuirá ao financiamento de parte dos gastos de funcionamento do museo, ao tempo que se impulsarán actividades culturais para desenvolver neste inmoble, un espazo cargado de forte simbolismo e un emblema tanto para Galicia como para a cidade de Compostela. A este respecto, o titular de Cultura e Educación explicou que coa renovación deste convenio a Xunta “competa o compromiso adquirido o pasado ano para a posta en valor dunha cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia”.

 Concretamente, máis de 300.000 euros do acordo destinaranse a colaborar co mantemento do espazo museístico e a actividades, mentres que a partida restante será para o a nova museografía que se desenvolverá na ala sur e á cal o Goberno galego, única administración comprometida co proxecto, destina 400.000€ en dúas anualidades. Neste senso, Román Rodríguez fixo fincapé en que “é necesario o compromiso de todos” para que esta institución continúe sendo un centro referente en Galicia.

36M€ entre 2019 e 2022

 Román Rodríguez aproveitou a súa visita o Museo do Pobo Galego para reiterar o compromiso da Administración autonómica con todas as dotacións e equipamentos culturais da Comunidade. “Un compromiso real que vai acompañado de cifras, xa que entre 2019 e 2022 destinamos 36 millóns de euros aos museos no marco da nova lei”, salientou. Nesta liña, precisou que a achega deste ano supón un incremento do 12% en relación ao pasado ano co fin de facilitar a programación dun amplo abano de actividades nos centros.

 Cómpre lembrar que as novas instalacións do Museo do Pobo Galego foron inauguradas o pasado 1 de marzo tras completar as obras de inauguración que permitirán ofrecer un cadro aínda máis completo de Galicia, ao incluír un percorrido pola historia autonómica. No contexto destas obras, ademais de dotar ao edificio de 1.600 metros máis de superficie, tamén se renovaron as fachadas e cubertas cun mellor illamento e se mellorou a comunicación coa instalación dun ascensor de alta capacidade e dunha escaleira vertical que une todas as plantas. Esta actuación realizouse a través do Consorcio de Santiago, cunha achega de 2,7M€ no que a Xunta participa de xeito destacado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario