22 de abr. de 2021

O ROSAL

Recuperada unha antiga mina de auga nas obras de creación do ecoparque Campo Novo  

· Atopouse durante as escavacións e realizáronse os traballos necesarios para integralo no proxecto. As obras de execución avanzan a bo ritmo  


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández e a arquitecta e paisaxista María Fandiño, visitando ás obras de creación do ecoparque Campo Novo - Foto: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitou esta semana as obras de creación do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, para comprobar a evolución dun proxecto que suporá a transformación da zona nun espazo de convivencia para a veciñanza. Durante a visita, a rexedora estivo acompañada pola arquitecta e paisaxista María Fandiño, autora do proxecto de remodelación, quen ensinou á alcaldesa os achados rexistrados dende o comezo das obras hai un mes.  

 Durante os traballos de escavación atopouse unha antiga mina de auga que xa se canalizou e se integrou no trazado do proxecto “dándolle aínda máis valor ao patrimonio etnográfico da contorna”. Neste camiño cara a integración no proxecto inicial, xa se comezaron a facer as escaleiras de acceso que conecten esa antiga mina e lavadoiro co resto da zona. 

 “As obras avanzan a moi bo ritmo. A comezos de verán poderemos desfrutar xa dun espazo bonito, creado pensando na súa contorna, buscando unha integración total. É un exemplo máis da aposta decidida do Concello por dar prioridade á veciñanza e por impulsar proxectos de proximidade”, salienta a alcaldesa. 

 O proxecto deseñado por María Fandiño contempla a remodelación de toda a zona empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga, un elemento de grande importancia nesta zona do Rosal. A creación deste ecoparque conta cun orzamento de máis de 93.000 euros cofinanciados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e de fondos propios do Concello. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario