22 de abr. de 2021

TOMIÑO

O Concello de Tomiño conmemora o Día do Libro coa campaña “Libros para ser Libres”  

Destacadas figuras en distintos campos súmanse á iniciativa subindo un vídeo ás redes sociais lendo un fragmento dos seus libros 

Desde o Concello animan á xente a participar na iniciativa co cancelo #librosparaserlibres  



Infogauda / Tomiño

 O departamento de Cultura do Concello de Tomiño, en colaboración coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, lanza a campaña “Libros para ser libres” nas redes sociais, co obxectivo de conmemorar o Día do Libro este 23 de abril. Procúrase con isto animar a persoas escritoras, tradutoras e lectoras a compartir un breve fragmento, recomendar un libro ou presentar a unha persoa autora, coa intención de fomentar a o hábito e a paixón pola lectura entre a veciñanza.   

 Na campaña xa confirmaron a súa participación figuras de grande relevancia en todo o Estado, que lerán para a audiencia nas redes sociais un fragmento dos seus libros. Entre elas atópanse grandes profesionais en distintos campos como a xornalista Rosa Montero; a doutora en lingüística Natalia Fernández Díaz-Cabal; os filósofos Joan Manuel del Pozo e Chis Oliveira; a socióloga Amada Traba; o nutricionista Julio Basulto; a escritora e directora da editorial La Bella Varsovia, Elena Medel; a poeta e xornalista Luna Miguel ou os poetas Jose A. Gómez Iglesias (máis coñecido como Defreds) e Miguel Gane. Tamén se interesou pola iniciativa o coñecido cantautor Nacho Vegas, mais por problemas de conexión para enviar o vídeo finalmente non puido participar.  

 Coa iniciativa preténdese achegar a literatura e o pensamento á sociedade e servir de ponte entre diferentes xeitos de entender a vida e a cultura. A idea é fomentar o pracer de ler e destacar que, nunha época de pandemia, os libros axúdannos a manternos informadas, entretidas, a estender lazos con outras persoas e culturas e a fomentar a nosa creatividade e coñecemento.  

 Desde o Concello fan un chamamento ás persoas lectoras para que acompañen a campaña nas redes, compartindo un vídeo lendo un fragmento dun libro e etiquetándoo co cancelo #librosparaserlibres. Os vídeos tamén poden ser enviados ao Whatsapp no número 604 062 369 ou ao correo electrónico omix@tomino.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario