A Xunta de Galicia apela á implicación de todas as administracións para garantir a nova museografía do Museo do Pobo Galego
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, explica no Parlamento que o Goberno autonómico é a única institución comprometida co proxecto, cun investimento de 400.000€
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, hoxe no Parlamento galego - Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia apelou hoxe á colaboración institucional para que outras administracións se sumen ao Goberno autonómico no apoio ao Museo do Pobo Galego. Así o manifestou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, no Parlamento, onde recordou que a Xunta é nestes momentos “o único financiador” do proxecto da nova museografía que se situará nos novos espazos recentemente inaugurados para o que, afirmou, “é necesario o compromiso de todos”.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a importancia que esta ampliación terá para que a institución siga exercendo como un “centro referente á hora de conservar, divulgar, promover e defender a cultura galega en todos os seus ámbitos”. Indicou que estes traballos de ampliación foron un exemplo de colaboración institucional, no que participan a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a Administración Xeral do Estado aos que hai que darlle continuidade á hora de dotalos de contido.
“A ampliación está incompleta, falta por desenvolver a nova museografía prevista e polo momento a Xunta é a única institución que amosou o seu compromiso, garantindo 400.000€, o 50% do investimento previsto”, expresou. Porque as novas instalacións suporán un aumento exponencial da oferta expositiva, modernizada e adaptada aos formatos que hoxe en día se poñen en práctica na moderna museografía para a que, indicou, o Museo do Pobo Galego está buscando apoio das restantes administracións “sen que ata o de agora houbese ningunha concreción no seu apoio”, indicou.
Nova Lei de Museos
Engadiu que se trata dun centro “icónico” para Galicia que a Xunta quere seguir impulsando e que se verá reforzado coa nova Lei de Museos aprobada hai unhas semanas. O novo texto normativo mantén a consideración do Museo do Pobo galego como cabeceira simbólica dos museos de carácter antropolóxico de Galicia, acadada en 1993, e reforza o seu papel como polo de interese cultural en Santiago xunto co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Na súa intervención, agradeceu tamén ao
conxunto de entidades e persoas, de diferentes posicións ideolóxicas,
que hai 45 anos, apostaron pola existencia dunha institución como esta e
permitiron facer do Museo do Pobo galego “un lugar que non só
representa, senón que simboliza, a idea dun gran museo para a identidade
de Galicia”, expresou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario