12 de mar. de 2021

TOMIÑO

Luis López reitera a "colaboración absoluta e compromiso máximo" da Xunta co Concello de Tomiño na súa visita institucional  

O delegado territorial mantivo onte unha reunión coa alcaldesa, Sandra González, e con representantes da corporación municipal e lembrou a aposta da Xunta por este municipio do Baixo Miño tras investir 13 millóns nos últimos catro anos

 

O representante autonómico mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra González, e con representantes da corporación municipal - Foto: X.G.


O representante autonómico amosou o apoio do Goberno galego para a apertura ordenada e vixilada de máis pasos fronteirizos con Portugal para traballadores e mercadorías para evitar aglomeracións e longos traslados dos afectados

 

Infogauda / Tomiño

  O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, reafirmou no día de onte, xoves 11 de marzo, a “colaboración absoluta e o compromiso máximo” do goberno galego co Concello de Tomiño na súa visita institucional a este municipio, onde lembrou a aposta do executivo autonómico por este termo da bisbarra do Baixo Miño tras investir máis de 13 millóns de euros nos últimos catro anos.

 O representante autonómico mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra González, e con representantes da corporación municipal - o concelleiro e deputado provincial Uxío Benítez, e o concelleiro da oposición, Esteban González - na que se abordaron todas as peticións e necesidades da veciñanza con respecto ao executivo autonómico.

 No encontro, a alcaldesa Sandra González transmitiulle como principal prioridade pór fin ao precario estado no que se atopa a atención sanitaria no municipio, situación que se viu agravada no último ano debido á situación de pandemia. No Centro de Saúde de Tomiño a rexedora fixo fincapé na falta de médicos, enfermeiros e demais persoal facultativo, onde destacan especialmente as carencias no servizo de pediatría logo da xubilación dun pediatra e a situación de baixa laboral de outra, solicitando a reposición destas prazas o antes posible. A situación provoca a demora para conseguir unha simple consulta chegue incluso a tres semanas, o que está tendo como consecuencia tamén que sexa o persoal médico o que absorba a frustración e o malestar que a situación está causando na xente.  

 Do mesmo xeito, a rexedora amosoulle ao delegado o proxecto da biblioteca, para o cal foi aprobado este luns, no pleno municipal, unha modificación de crédito para acometer o derrubo do edificio que se atopa no lugar no que irá construída. “É un proxecto moi ilusionante, que conta co apoio unánime da sociedade tomiñesa e no que van colaborar moitas administracións. Sería unha auténtica mágoa que a Xunta de Galicia fose a única que non colaborase nun dos proxectos máis importantes para Tomiño nos últimos anos”, comentou a alcaldesa.

 Outros dos asuntos trasladados a López Diéguez foi a necesidade de mellorar a financiación do Servizo de Axuda no Fogar, un servizo ao cal o Concello aporta unha cantidade cada vez maior malia non ser competencia municipal, ou a urxencia de rematar xa coa concentración parcelaria no municipio, un proceso que leva en execución varias décadas e que aínda non finalizou.

 Entre as cuestións plantexadas figura a axilización da autovía do Baixo Miño, que xa está a ser executada pola Xunta de Galicia para favorecer a mobilidade e a seguridade nun novo treito da AG-42, correspondente co Enlace de Areas, que ten un investimento de case 17 millóns de euros.

 Polo demais, Luis López lembrou que, no que vai de lexislatura, a Xunta despregou numerosos investimentos e servizos en Tomiño, xa que reforzou a seguridade viaria na PO-552 en dirección a Tui cun investimento de 660.000€, concedeu ao Concello 5.568 horas anuais máis de Axuda no Fogar para dependencia, outorgou financiamento para accións de eficiencia coa instalación de 32 paneis solares fotovoltaicos na Casa do Concello e no Multiusos de Goián e colaborou cos sectores económicos e sociais, xa que inxectou 73.000€ aos hostaleiros ao abeiro do 1º Plan de Rescate e subvencións de dinamización comercial aos colectivos Adeto e Mercado Municipal de Tomiño, entre outras.

 Finalmente, Luis López, que se comprometeu a manter un contacto periódico co Concello para xestionar as súas necesidades, amosou o apoio da Xunta á demanda social para que se produza unha apertura ordenada, e sempre que estean cubertas as necesidades de vixilancia, de máis pasos fronteirizos con Portugal para traballadores e mercadorías co obxectivo de que non haxa aglomeracións nos poucos puntos abertos ao tráfico e de evitar longos traslados por parte dos centos de afectados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario