O Concello do Rosal aposta pola colaboración co tecido asociativo e agradece o seu gran traballo nun ano tan complicado
Os orzamentos para este 2021 duplican o investimento en asociacións de carácter social e mantén o seu apoio para o resto
Infogauda / O Rosal
O equipo de goberno do Concello do Rosal continúa a apostar pola colaboración co tecido asociativo, eixo fundamental no desenvolvemento do municipio. A colaboración da alcaldesa coas asociacións comezou o ano pasado ao abeiro do programa A veciñanza conta e a pesar das circunstancias co COVID-19 mantívose a colaboración entre a entidade local e as mesmas camiñando da man para adaptarse á nova realidade, priorizando sempre a saúde pública.
“Dende o Concello quérese agradecer a todas as asociacións rosaleiras o gran traballo levado a cabo no municipio, especialmente nestes meses tan complicados. Queremos louvar a capacidade de adaptación que tiveron en todo momento, sendo capaces de tomar todas as medidas necesarias para continuar coa súa actividade de xeito seguro, tanto no eido do deporte e a cultura como no ámbito social”, recoñece a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A rexedora salienta a capacidade dos rosaleiros e rosaleiras para, a pesar das circunstancias, converter ao Rosal nun exemplo de dinamismo cultural, deportivo e social. “Fomos capaces de entender que a prioridade era a saúde das persoas e que, lonxe de paralizarnos, tiñamos que reinventarnos e adaptarnos á realidade que nos tocou vivir. Por iso apostamos por continuar cunha actividade social, cultural e deportiva segura, mínima, organizada e controlada, na que as asociacións xogaron un papel fundamental coa súa colaboración para que todo continuara aínda que fora dun xeito distinto e para que os nenos e nenas seguiran practicando as súas actividades con total seguridade nas escolas deportivas e musicais”, explica.
Este agradecemento reflíctese nos orzamentos para este ano 2021 e no Plan Estratéxico de Subvencións, que duplica o investimento para entidades de carácter social e manteñen o apoio ao resto de asociacións. Para a alcaldesa, estes “son momentos moi complicados nos que temos que camiñar xuntos na mesma dirección. E como exemplo temos a celebración da cabalgata dos Reis Magos, un acto simbólico no que todas as asociacións tiveron a capacidade de converterse en colaboradores para levar a ledicia a todos os barrios do Rosal nunha data tan sinalada pensando sempre que a saúde das persoas é o máis importante”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario