19 de feb. de 2021

MOBILIDADE TRANSFRONTEIRIZA

O AECT Río Miño envía cartas a Pedro Sánchez, Marcelo Rebelo de Sousa e a María da Costa, comisaria de cohesión para que abran todos os pasos con Portugal para as persoas traballadoras  

O vicedirector do AECT Uxío Benítez afirma que o peche de fronteiras e unha medida "redundante, innecesaria e un desincentivo para as relacións transfronteirizas" 

 

O vicedirector do AECT Río Miño - no centro da imaxe - con alcaldesas e alcaldes dos concellos da ´raia¨miñota galaico-portuguesa, nunha concentración en Arbo Foto: D.PO.

 

Infogauda / O Baixo Miño

  O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Miño, AECT Río Miño, vén de remitir cartas ao presidente do Goberno español Pedro Sánchez Pérez-Castejón, ao presidente portugués Marcelo Rebelo de Sousa, e á comisaria europea de Cohesión Elisa Maria da Costa Guimarães Ferreira para que desbloqueen a situación actual de peche da fronteira entre a provincia de Pontevedra e Portugal e realicen as dilixencias necesarias para abrir todos os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas de ambas as beiras.

  Uxío Benítez Fernández, vicedirector do AECT,  na súa misiva ao dirixente español, subliña que o peche de fronteiras "é redundante, innecesario e un desincentivo ás relacións transfronteirizas base do desenvolvemento socioeconómico do territorio miñoto", xa que tanto os concellos galegos como portugueses están en confinamento perimetral e, por tanto, só está permitida a mobilidade por razón laborais ou excepcionais.

  Insiste Benítez en que "o mantemento dun único paso autorizado en Tui-Valença do Minho revela unha total falta de coñecemento da realidade dos territorios transfronteirizos, en particular do territorio do Miño". Subliña que no periodo de confinamento de marzo de 2020 a ponte internacional de Tui-Valença do Minho, a única aberta na zona, concentrou arredor do 44% do total da mobilidade entre España e Portugal, algo que os respectivos gobernos de Madrid e Lisboa recoñeceron no seu momento, reabrindo as pontes de Tomiño-Vila Nova de Cerveira, Salvaterra de Miño-Monçao e Arbo-Melgaço.

  "Nun segundo peche de fronteiras é totalmente incomprensible non ter novamente esta realidade en conta, propiciando unha medida que potencia o efecto funil (…) con quilómetros de filas para pasar a fronteira, pérdidas de tempos innecesarias, e unha vez máis, introducindo un inexplicable obstáculo a unha poboación de fronteira que xa non se sente de fronteira, senón cidadáns e cidadás dunha Europa sen fronteiras", incide Benítez.

  O mandatario nacionalista subliña que "é inxusto trasladar os custes dos rodeos aos traballadores e traballadoras transfronteirizas, xa que estes deberían ser asumidos polos estados colocando as e os axentes e guardas necesarios para o control da mobilidade ao longo da fronteira". Engade Benítez, amais, que os horarios de apertura parcial estipulados para as pontes de Salvaterra e Arbo "tampouco sirven ás persoas traballadoras transfronteirizas, que exercen funcións en turnos diferenciados, obrigando a pasar polo único punto aberto 24h ou a agardar ao horario autorizado".

  É por iso que, ademais de solicitar "a apertura controlada de todos os pasos", o dirixente do AECT, en nome dos 26 alcaldes e alcaldesas do AECT, tamén trasladou aos presidentes e á comisaria "a esixencia de que o persoal traballador transfronteirizo sexa beneficiario dos apoios socioeconómicos para facer fronte ao impacto da pandemia; a solicitude de axuda política e económica á Comisión Europea; a creación dunha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza' para facilitar a circulación; así como a reivindicación unha Intervención Territorial Integrada (ITI) con vistas aos próximos fondos europeos".

  Como anexo, remitíronselle a todos as e os dirixentes sendos dossieres de casos particulares de decenas de empresas e traballadoras e traballadores afectados pola situación do peche das fronteiras con correos electrónicos recibidos nos últimos días.

Ningún comentario:

Publicar un comentario