19 de feb. de 2021

TOMIÑO

O Concello de Tomiño reactiva súa programación cultural de 2021 conmemorando o Día de Rosalía  

O 24 de febreiro a Concellería de Cultura porá en marcha unha campaña virtual e repartirá manteis individuais de Rosalía para o alumnado usuario dos comedores escolares  

As actividades continuarán coa representación o 6 de marzo de ‘Feminissimas’, unha obra de teatro coa que conmemorar o 8M   


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño reactiva a vindeira semana a súa programación cultural para este 2021 coa conmemoración dunha data sinalada, o Día de Rosalía de Castro. Dese xeito, o vindeiro 24 de febreiro a Concellería de Cultura súmase á da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) cunha campaña a través das redes sociais na que se difundirá un vídeo no que diferentes persoas de Tomiño len o manifesto da AELG para celebrar o aniversario do nacemento da autora galega. E, como propón a asociación dende 2010, dende o Concello anímase a toda a veciñanza a agasallar nesta data un libro en galego e unha flor mercados nas librarías e florerías locais.  

 

              Mantel individual conmemorativo do Día de Rosalía de Castro

 

 Como complemento a esta campaña, celebrarase o sorteo de tres camisetas cunha serigrafía de Rosalía entre todas as persoas que durante toda a xornada envíen fotos da escritora, frases, fragmentos de libros, información de interese, anécdotas,... O obxectivo é incentivar ás persoas usuarias das redes sociais do Concello para que participen de forma activa nesta iniciativa.  

 Por outra banda, e en colaboración coa Fundación Rosalía, o Concello tamén fará unha campaña de reparto de manteis individuais de Rosalía entre o alumnado usuario dos comedores escolares municipais.   

Día da Muller  


 
Coa lembranza desta escritora galega a programación cultural dá paso á conmemoración do Día Internacional da Muller cun espectáculo teatral no auditorio de Goián no que se establecerán os máis estritos protocolos de prevención para poder gozar da cultura dun xeito seguro. Así, o vindeiro 6 de marzo (20.00 h) poderase desfrutar de ‘Feminissimas’, unha creación coa amizade e a perspectiva de xénero como pedras angulares. Unha comedia negra, moi violeta, na que o público poderá desfrutar de tres amigas da adolescencia, tres xeitos distintos de entender o feminismo e unha reunión dunha noite nun moderno airbnb na que o conflito vai deixando paso á nudez, á humanidade e á empatía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario