19 de feb. de 2021

MONDARIZ

Éxito da alianza entre Deputación de Pontevedra, Concello de Mondariz e Entidade Local Menor para recuperar a Escola Unitaria de Vilasobroso con fondos europeos  

Carmela Silva, presidenta do Goberno provincial, reivindica a necesidade de contar co mundo local, "o máis próximo e o que mellor xestiona", fronte ao intento das comunidades autónomas de xestionar "en exclusiva" os recursos para a recuperación da UE

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu hoxe ao alcalde, Emilio Barros, e ao alcalde pedáneo, Alexandre Estévez - Foto: D.PO.

 

Infogauda / Mondariz

  A alianza institucional tecida entre a Deputación de Pontevedra, o Concello de Mondariz e a Entidade Local Menor de Vilasobroso para intentar captar fondos europeos FEDER cos que recuperar a antiga escola unitaria rematou con éxito. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu hoxe ao alcalde, Emilio Barros, e ao alcalde pedáneo, Alexandre Estévez, para comunicarlles a confirmación dunha achega de 302.647 euros a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE), órgano adscrito ao Ministerio de Transición Ecolóxica.

  O proxecto, cun importe total de 378.309 euros recibirá así un 80 % de financiamento europeo, mentres que o restante 20 % repartirase entre os 20.000 euros que asumirá a Deputación e os 55.661 euros que achegará o concello. Vilasobroso contará, de cara ao verán de 2023, cun edificio multiusos destinado a converterse en epicentro social e cultural dunha parroquia clave da historia de Galicia e cuxo dinamismo social canalízase hoxe a través da puxanza da súa entidade local menor. Neste senso, a presidenta mostrou a súa satisfacción polo feito de que dos 27 proxectos que a Deputación ten presentado á última convocatoria do IDAE, sexa o de Vilasobroso o primeiro que se confirma. Carmela Silva anunciou tamén o seu compromiso "para intentar seguir acadando recursos europeos par ao mundo local". Reclamou que a Administración local poida xestionar os cartos para a reactivación económica que chegarán de Europa "porque xa temos demostrado que somos a que mellor xestiona, a que está máis próxima á xente e a que entende o territorio". Unha reivindicación que fixo valer fronte a intención das comunidades autónomas de xestionar os fondos europeos "en exclusiva".

  Alexandre Estévez expresou tamén a súa confianza no mundo local. "É ridículo que a Administración local só xestione o 14 % dos recursos do sector público, posto que é a que responde directamente á veciñanza, mentres outras administracións están máis afastadas". "Sen a colaboración do concello e da Deputación, que nos recibiu e nos escoitou, isto non sería posible; dixéronnos desde o principio que era difícil, pero que iamos intentalo xuntos".

  A presidenta aplaudiu "a tenacidade" de Alexandre Estévez que, desde o principio, puxo empeño "nun soño que se fixo realidade". Ademais destacou o "valor social" que proporcionan as persoas que canalizan "as xustas demandas da veciñanza" a través das entidades locais menores "porque os proxectos teñen xente detrás que os defenden coa súa voz e a súa convicción". "Presidir unha entidade sen recursos e sen competencias claras - engadiu - é moi complicado". O propio Estévez significou que en toda Galicia só hai 9 entidades locais menores (8 delas na provincia de Pontevedra) "e estou convencido de que deberiamos ser unha figura reivindicada e máis recoñecida".

  A presidenta da Deputación destacou que cando se erguen causas xustas todo é posible. Ademais, recalcou o acerto do Concello de Mondariz e do seu alcalde por ter escoitado e entendido ás persoas que viven no seu municipio, facendo posible grandes investimentos non só para o centro urbano, senón apostando tamén por servizos, dereitos e espazos vinculados ao tecido social, á paisaxe e ao patrimonio, como sucede en Vilasobroso. Silva destacou singularmente a súa felicidade por ter podido axudar a recuperar un edificio que foi escola. "As escolas forman parte das nosas vidas, forman parte da xente, e agora podemos dicir que volvemos encher unha delas con novos contidos, que a convertemos nun espazo referencial". A presidenta puxo esta iniciativa como exemplo do moito que se pode facer desde as administracións, e particularmente desde o mundo local, para frear a sangría demográfica no rural.

O papel clave das mulleres de Sobroso

  O presidente da entidade local menor puxo moi en valor o papel que xogaron as veciñas de Sobroso. "Elas insistiron na necesidade de recuperar ese edificio; elas son as que crean tecido social; foi por elas que fixemos deste edificio a nosa sede administrativa". Unhas palabras que foron recollidas por Carmela Silva para engadir que as mulleres manteñen vivo o rural, "sen elas non hai futuro".

  O alcalde de Mondariz indicou que este proxecto é un exemplo sobre como "desde abaixo", a base de colaboración institucional entre administracións, é posible mellorar os servizos á veciñanza. "Hoxe subimos o primeiro chanzo para rehabilitar un inmoble e cumprir cunha demanda histórica; moitos axentes sociais viamos nese recinto do lugar de Valiño un lugar espectacular para uso veciñal e agora converterase tamén nun punto de referencia moi potente para Mondariz".

  O proxecto consiste na mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica da escola unitaria da entidade local menor. As obras, que inclúen a substitución integral da estrutura da cuberta, así como a mellora dos cerramentos, solados e carpintarías exteriores permitirá un aforro enerxético estimado dun 50 %. Segundo as bases da convocatoria, as obras deben rematarse antes do 31 de xullo de 2023.

Ningún comentario:

Publicar un comentario