14 de feb. de 2021

A GUARDA

PÁXINAS DA GUARDA, UN NOVO FITO EDITORIAL DA ASOCIACIÓN INFOMAXE

· Que vén de publicar unha miscelánea que recompila interesantes traballos de investigación          

 

              Capa do libro editado pola Asociación InfoMAXE - Fotos: Infogauda

 

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  De mans do activista cultural, concelleiro e cronista Celso Rodríguez Fariñas, vimos de recibir un exemplar da publicación que leva por título PÁXINAS DA GUARDA. Artículos (sic) editados nas festas de A Guarda anos 1994 – 2019. O volume - editado pola Asociación InfoMAXE, co patrocinio do Concello de A Guarda -, é unha miscelánea de artigos da autoría, fundamentalmente, de Antonio Martínez Vicente, José Ángel Gándara Rodríguez e Celso Rodríguez Fariñas.

 Os traballos que forman parte do ameno contido da publicación viron a luz no seu día, en diferentes publicacións (libros programas das Festas do Monte Santa Trega - maioritariamente -, Festas da Virxe do Carme, Festas de San Caetano, Festas de San Roque, Festas da Virxe da Guía, Festas da Virxe das Mercedes, Festas da Virxe do Alivio,...). Decimos, fundamentalmente, porque nesa recompilación, tamén se inclúen textos doutros autores – entre eles, Juan Domínguez Fontela, Padre Baltasar Merino Román, S.X., Agustín Nandín Lomba, Julián López Ríos, José María Castroviejo, Xoán Noia Xil, Ángel Luis Troncoso Alonso, Ramón López Portela, Luis Bouza Brey, Alberto Ínsua, Cyrano, Julio de Castro,... -  publicados con anterioridade en semanarios e xornais –  p.e. La Voz del Tecla, Heraldo Guardés, Nuevo Heraldo, La Integridad, La Opinión – Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego, La Vanguardia,... – e mesmo en revistas, como El Eco de Galicia, Vida Gallega, La Ilustración Gallega y Asturiana, Boletín de la Real Academia Gallega (sic),...- e tamén en libros como Salcidos en Branco e Negro. Álbum fotográfico da parroquia de Salcidos,..., boletíns etc., que nalgún momento foron escolmados para súa difusión, engrosando as páxinas de algúns dos devanditos libros-programas das celebracións festivas que antes citamos.

 Cualificando o volume como “Unhas páxinas da nosa historia”, no devandito libro, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, dí:

 “(...) Damos a benvida a esta publicación. A estas Páxinas da Guarda que falan de nós. Un volume para ter a man, para coñecer mellor a nosa historia ou simplemente para pasar unha migalla de lecer a ler ou a reler vellas historias sobre os nosos devanceiros. Un luxo para todos os que nos sentimos parte deste recuncho de Galicia.

 Ainda quente de forno esta obra, quero animar xa os seus autores a que se poñan na seguinte edición de Páxinas da Guarda. Ben sei que o éxito os anima a futuras edicións”.

 Con PÁXINAS DA GUARDA, a Asociación InfoMAXE acredita unha vez máis, seu impagable labor de recuperación e divulgación do patrimonio cultural de A Guarda. Iso por unha banda. Por outra, demostra que mália a pandemia que desde comezos de 2020 azouta a toda a humanidade, os membros de InfoMAXE amosan unha encomiable resiliencia. De tal xeito que o confinamento obrigado que todos tivemos, motivou – neste caso - que á actividade de recuperación documental e histórica, non se detivese. Dese xeito é un verdadeiro orgullo que A Guarda continúe sendo un referente na edición e publicación bibliográfica, que contribúen a un maior coñecemento dos feitos e dos protagonistas que forman parte da nosa identidade colectiva como pobo culto, emprendedor, solidario e xeneroso.

 


 
 

 Porén, temos que decir que polo seu contido e características físicas – ten unhas dimensións de 24,2 x 17,2 x 4,7cms.; pesa 4,534 Kgrs., e ten 800 páxinas impresas en offset, con numerosas fotografías en b/n -; o volume – que foi impreso en Gráficas Juvia, S.L. - debera, ao noso modesto entender, contar cunhas tapas (o que podemos considerar como parte fundamental do “continente” da obra) axeitadas a unha publicación como esa. É decir, que ainda que dese xeito a edición conlevara un custe crematístico obviamente superior, o esforzo pecuniario estaría plenamente xustificado.

 Asemade, sen que supoña ningún menoscabo dos seus moitos valores que nos brinda, tamén temos que decir que no volume publicado botamos en falla un índice dos artigos - con indicación dos seus correspondentes títulos, páxina onde comeza cada un e nome do autor - que facilitase a consulta puntual a calquer investigador ou curioso lector que acceda a esa obra nun momento concreto, pois non en balde, consideramos que trátase dunha publicación que vai ser obxecto de moita consulta, tanto por parte da población escolar como dos amantes da cultura de noso, sexan ou non de A Guarda.

 Polo demáis, temos que decir que PÁXINAS DA GUARDA é un traballo de moita utilidade, non soio para as xeracións máis veteranas, senón para as do porvir, pois o lectorado vai gozar dun libro – que mesmo pode ter continuidade no futuro coa publicación doutros tomos de perfil semellante –; que acolle temas tan interesantes como os relativos “A Hirmandade (sic) do Clamor”; a fundación do Mosteiro benedictino da Transfiguración do Señor; os primeiros barcos pesqueiros a vapor de A Guarda; empresas de transporte de pasaxeiros de A Guarda; a fortaleza de Santa Cruz; o barco “Cabo Oropesa”; arqueoloxía (O Hércules, cerámica de Santa Trega,...); antigas industrias locais; eleccións  da xunta do Gremio de Mareantes do porto de A Guarda en 1844; a pandemia de gripe de 1918; barrios guardeses (A Cruzada, A Malata, Os Teares,...), deportes (fútbol, deportes náuticos,...); guardeses ilustres (D. Vicente Sobrino y Vicente, D. José Manuel Andreini y Verde, D. Prudencio Nandín Vicente, D. Juan Antonio Lomba Álvarez, D. Manuel Rivas de Amil, D. Teodomiro Táboas de la Gándara, D. Laureano Rodríguez Rodríguez,...), tradicións guardesas; os Templarios; As poubanas; historia postal de A Guarda; a estación corsaria de A Guarda; Salón-Cine Ideal; novas da prensa local; vilas e parroquias do Baixo Miño en 1747; Vodas de Prata do Colexio das Carmelitas; fotógrafos profesionais de A Guarda e súa comarca; personaxes de A Guarda (D. José Marino González de la Concepción, D. Manuel Ángel Lomba Vicente, D. José Gardeazábal Rivas,...), os coros ao longo da historia, ..., entre outros moitos.

 Compre salientar que con esta publicación nótase que unha vez máis, o arquivo de Antonio Martínez Vicente estivo totalmente franqueado, facilitando, como sempre, a consulta e divulgación da súa colección - na que destaca o semanario La Voz del Tecla, de onde proceden artigos de diferentes autores -, así como outros materiais (carteis, dibuxos, fotografías, publicacións,...)  que forman parte do seu amplo e ben organizado fondo documental.

 Ademáis do arquivo de Antonio Martínez Vicente, tamén hai materiais procedentes do arquivo de Pepe Rivas e da Asociación InfoMAXE.

 Non queremos rematar esa recensión, sen transcreber unhas liñas que figuran na publicación que comentamos e que extraemos do texto titulado “A modo de prólogo”, no que entre outras cousas, os editores din o seguinte: “(...) InfoMAXE aparece como unha entidade cultural sin ánimo de lucro. Para intentar recoller aquel material (impresos, carteis deportivos, actos culturais e de festas, fotografías, cámaras, filmadoras, proxectores, documentos, xornais, recortes de prensa, planos e grabacións (sic) de todo tipo, para evitar que esa parte da nosa historia local e comercial desaparecera para sempre.

 Unha vez posta en marcha, anos despois, acordouse de xeito informal a finais de 2013, abrir unha fiestra para compartir o material recibido ou posto a nosa disposición e así aparece [o blog] PÁXINAS DA GUARDA. Que despois de distintos avatares (...)” “(...) fomos capaces de regularizar a estar a case con 800.000 visitas)”. 

  En realidade a día de hoxe, o blog PÁXINAS DA GUARDA supera as 842.000 páxinas vistas en total.

 Finalmente temos que decir que o libro PÁXINAS DA GUARDA Artículos (sic) editados nas festas de A Guarda anos 1994 – 2019, presentarase próximamente nun acto que será anunciado oportunamente, cando as circunstancias epidemiolóxicas o permitan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario