14 de feb. de 2021

MAR

A CIG-Mar esixe un protocolo claro de actuación ante o aumento de casos de barcos galegos con gromos de covid 

Ao buque vigués Venturer, fondeado en Salvador de Bahía con varios positivos, súmase agora outro do Grupo Pereira, en Montevideo 

 

                                               Buque Argos Pereira

 

Infogauda / Galiza

 A CIG-Mar esíxelle ao Goberno central e á Xunta de Galiza un protocolo claro de actuación ante o repunte de casos de barcos galegos nos que se detectan gromos de covid entre os seus tripulantes despois de que un buque do Grupo Pereira, o Argos Pereira, arribase o xoves ao porto de Montevideo con 28 positivos a bordo. 

 Nesta ocasión, ao contrario do que aconteceu no recente caso do Venturer -barco pertencente á compañía galega Pescapuerta que se atopa fondeado nun porto brasileiro con varios tripulantes infectados- a empresa solicitoulle ao Goberno uruguaio que as persoas que deron negativo poidan abandonar a embarcación. 

 Os dous buques partiron do porto de Vigo con dirección ao caladoiro das Malvinas tras supostamente teren realizado as probas pertinentes, por iso dende a central sindical pregúntanse como é posíbel que se estean a producir contaxios masivos entre a tripulación. “Está claro que están a fallar os controis, o que pon en grave risco a saúde das persoas que viaxan nestes barcos”, sinala o responsábel da CIG-Mar, Xavier Aboi. 

 Por iso demanda das Administracións que extreme o control para garantir que se cumpren as recomendacións sanitarias e que fixe uns protocolos claros de actuación unha vez detectados os gromos para atender do mellor xeito aos afectados. “O Goberno central e a Xunta teñen que deixar de agocharse detrás das empresas e actuar, porque non pode ser ademais que teñamos que coñecer pola televisión uruguaia que hai un novo barco galego con tripulantes infectados a bordo”, afirma Xavier Aboi. 

 Neste senso, asegura que os casos de embarcacións con gromos de covid son numerosos, pero que unicamente transcenden algúns deles porque as compañías fan todo o posíbel por mantelos ocultos. E critica que as Administracións española e galega respondan ás denuncias da CIG sen asumir responsabilidades. “A Xunta di que é cousa do Goberno, e o Goberno di que os afectados foron atendidos polo Centro Radio Médico e que están en contacto co consulado, algo que xa sabiamos”. 

 En canto á situación concreta do Venturer, o responsábel sindical indicou que as novas probas practicadas a bordo destaparon un novo caso de contaxio, que se suma aos 10 xa confirmados, polo que en total hai 11 positivos (nove cidadáns peruanos e dous galegos). Dous dos afectados (un galego e un peruano) continúan hospitalizados en centros médicos de Montevideo

 Por todo isto, Aboi esixe que se estableza e se aplique un protocolo claro de actuación unha vez que se teña coñecemento da existencia dun buque galego con tripulantes infectados por coronavirus a bordo, ao tempo que demanda das autoridades e das empresa que informen do que acontece nas embarcacións e non oculten os casos. “Tanto os afectados como as súas familias teñen dereito a coñecer en todo momento en que situación se atopan, así como a recibir toda a axuda que sexa necesaria”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario