O Concello de A Guarda reúne aos seus portavoces municipais
Para apoiar a permanencia do emprego na fábrica que a multinacional Imerys Kiln Furniture España, S. A., posúe nas Cachadas (Salcidos)
O alcalde do Concello de A Guarda presidiu a reunión de portavoces dos grupos municipais
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Este mércores día 10 de febreiro reuníronse no concello de A Guarda, o alcalde, Antonio Lomba Baz, e os portavoces dos grupos municipais do PP (José Antonio Baz Lomba), GMS (Mª Montserrat Magallanes Álvarez) BNG (Anxo Lois Baz Vicente) e Converxencia Galega (Celso Juan Rodríguez Fariñas).
De acordo co comunicado feito público polo executivo municipal “nesta reunión trasladouse aos portavoces a contestación remitida por IMERYS (antigas Cachadas) á Moción debatida no último Pleno, en relación as transformacións na produción que se están introducindo na fábrica e que preocupan aos traballadores.
Os grupos municipais valoraron o escrito remitido pola empresa e determinaron que o máis axeitado sería que o contido do escrito se plasmara nun documento de acordo, coas matizacións que sexan necesarias, entre o Comité de Empresa e a Dirección”.
Fontes municipais indican que no escrito dirixido ao concello a empresa asegura que “actualmente a sección HPC (colada de alta presión) está a funcionar a pleno rendemento e xa ten un volume comprometido nos próximos seis meses, o que permitiu á compañía aumentar a forza de traballo”.
Así mesmo a empresa asegura que “neste contexto de crecemento do volume a compañía está a adaptar de novo o mix de produtos da planta. A decisión de modificar esta mestura de produtos na planta non repercutirá no nivel de emprego, e polo tanto, non repercutirá en ningunha das familias que forman parte da nosa organización”.
Como corolario do acordado no pleno ordinario celebrado pola Corporación municipal de A Guarda, no que foi aprobada por unanimidade unha moción de urxencia de apoio ao mantemento dos postos de traballo no centro de traballo que a multinacional IKF posúe nas Cachadas (Salcidos); “o que desexa o concello é a permanencia dos postos de traballo e a estabilidade da empresa cunha forte implantación na comarca”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario