O Rosal, A Guarda e Caminha poñen en marcha o proxecto europeo que deseñará a futura Eurocidade da Foz do Minho
• Con apoio de fondos FEDER da Unión Europea, o programa traballará ata 2028 na creación das estruturas comúns e na dinamización social e económica do territorio.
• Os tres concellos presentaron o vídeo oficial da iniciativa, destacando o río Miño como eixo de unión e non como barreira fronteiriza.
Foto: CdoR
Infogauda/O Rosal
A desembocadura do río Miño dá hoxe o primeiro paso formal cara á súa integración institucional. A sede da Liga de Amigos do Rosal acolleu esta mañá a xornada de lanzamento do proxecto “0554_EURO_FOZ_MINHO - Euro_Foz: Construíndo a Eurocidade da Foz do Miño”, unha iniciativa transfronteiriza impulsada conxuntamente polos concellos do Rosal, A Guarda e a Câmara Municipal de Caminha co obxectivo de deseñar e asentar as bases xurídicas, administrativas e operativas da futura Eurocidade.
O proxecto foi aprobado na sexta convocatoria do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 e conta cunha taxa de cofinanciamento do 75% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Cunha execución prevista ata o 31 de decembro de 2028, a folla de ruta céntrase en superar os atrancos fronteirizos mediante un modelo de gobernanza multinivel pioneiro que traslade a irmandade e os vencellos históricos da veciñanza a un marco formal de xestión compartida de servizos e recursos.
Cooperación institucional e axenda conxunta
Ao longo do seu desenvolvemento, o proxecto Euro_Foz articulará os estatutos da futura Eurocidade, deseñará unha estratexia e plan de scción transfronteirizo e porá en marcha unha axenda cultural común con actividades e mercados sostibles que fomenten a participación cidadá e o desenvolvemento económico sostible en ambas as marxes do río.
A apertura institucional reuniu ás alcaldesas e alcalde dos tres municipios implicados: Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Liliana Silva, presidenta da Câmara Municipal de Caminha e Isidro Lomba Lorenzo, concelleiro de A Guarda.
“Queremos que a Eurocidade da Foz do Miño sexa unha ferramenta para atoparnos, cooperar, compartir e sumar capacidades. Porque o Miño sempre estivo aí. As persoas tamén. A relación entre as dúas beiras tamén. O que estamos facendo agora é darlle unha nova dimensión a ese vínculo. Darlle estrutura. Darlle ferramentas. E, sobre todo, darlle futuro. Porque o Miño non é a fronteira que nos separa. É o río que nos une”, dixo Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal.
“A fronteira non é o noso límite, a fronteira é a nosa oportunidade. O río Miño non é o que nos separa, é aquilo que nos une. Queremos unha Eurocidade forte, unida, competitiva e sustentable. Capaz de garantir que os nosos fillos e os nosos netos poidan continuar a vivir, traballar e construír aquí as súas vidas”, afirmou Liliana Silva, presidenta da Câmara Municipal de Caminha.
“Cando tres concellos próximos deciden colaborar, non están simplemente sumando os seus recursos: están multiplicando as súas posibilidades.
Por iso, proxectos como este, son importantes para o presente, pero tamén deben servir para construír o futuro. E hai unha cuestión que considero especialmente importante: a Eurocidade debe construírse desde as persoas”, salientou Isidro Lomba, concelleiro de A Guarda.
O peche da sesión contou co respaldo estratéxico da administración rexional e autonómica, coas achegas de don Xosé Lago García, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Trasfronteiriza da Xunta de Galicia.
Estrea da peza audiovisual: un río que une comunidades
Durante a xornada presentouse en primicia o vídeo promocional do proxecto Euro_Foz, unha produción rodada en alta resolución 4K que combina gravación aérea con dron e planos de detalle en terra. A peza realiza un percorrido polos enclaves patrimoniais máis representativos dos tres municipios —como os Muíños do Folón, no Rosal, o Monte de Santa Trega, na Guarda, e a arquitectura manuelina do centro histórico de Caminha— amosando a paisaxe e o dinamismo cotián da súa veciñanza para poñer en valor que o Miño non é un límite que separa, senón o elemento natural que os une.
Tras a presentación pública, tivo lugar a constitución e primeira xuntanza do Comité Técnico do proxecto, que inicia así o cronograma de traballo sectorial.
O proxecto 0554_EURO_FOZ_MINHO - Euro_Foz: Construíndo a Eurocidade da Foz do Miño está promovido polo Concello do Rosal, Concello da Guarda e Municipio de Caminha. Está cofinanciado nun 75% pola Unión Europea a través de fondos FEDER dentro do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Ningún comentario:
Publicar un comentario