A Área Sanitaria de Vigo necesita a creación dunha Unidade de Grandes Queimados que sexa referente para toda a poboación da área sur de Galicia
Plataforma SOS Sanidade Publica da Área sanitaria de Vigo
Desde o ano 2006, o Ministerio de Sanidade impulsou os Centros, Servizos e Unidades de Referencia (CSUR) para garantir a equidade, a calidade asistencial e a concentración da experiencia clínica nos procedementos máis complexos.
Estes servizos son fundamentais para a formación de profesionais, a investigación biomédica e a incorporación de tecnoloxías avanzadas ao sistema sanitario público. En este contexto foi creada a unidade de grandes queimados para Galicia no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Tras a negociación do novo concerto co hospital privado RIBERA-POVISA, a Consellería de Sanidade decidiu que a referencia para os grandes queimados da área sur de Galicia, que estaba situada nese centro, pasara ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o que representa un novo episodio de perda de servizos de alta especialización para Vigo e para máis de 1,2 millóns de habitantes das provincias de Pontevedra e Ourense.
As Unidades de Grandes Queimados forman parte dos servizos de máxima complexidade do Sistema Nacional de Saúde. Trátase de dispositivos altamente especializados, dotados de persoal cualificado, tecnoloxía avanzada e infraestruturas específicas para atender pacientes con queimaduras graves, químicas, eléctricas ou con lesións asociadas que poñen en risco a súa vida. Esta realidade converte estas unidades nun recurso estratéxico para calquera gran área sanitaria.
Unha unidade destas características necesita máis de 1.000 metros cadrados de superficie hospitalaria, unha área de hospitalización con camas específicas, espazos para coidados críticos con illamento, salas de curas, equipamento cirúrxico especializado e persoal altamente cualificado.
A Plataforma SOS Sanidade Publica da área sanitaria de Vigo, ven reivindicando a necesidade de crear unha unidade de queimados que sexa referente para grandes queimados da poboación do sur de Galicia.
A Xerencia da Área Sanitaria de Vigo comprometerase, hai dous anos, a construír no Complexo Hospitalario de Vigo unha unidade de queimados con capacidade para tratar as doenzas menos graves, trasladando os grandes queimados a Coruña.
A creación desta unidade de queimados limitada contribúe á descapitalización sanitaria da área viguesa, reduce a súa capacidade de desenvolvemento futuro e incrementa as desigualdades territoriais no acceso aos servizos de alta especialización.
Esta decisión afecta especialmente a área de Vigo, principal área industrial de Galicia e unha das zonas con maior concentración de actividade empresarial e industrial, onde o risco de accidentes laborais con queimaduras é relevante.
A perda desta unidade implica que os pacientes máis graves terán que afrontar desprazamentos de centos de quilómetros nun momento crítico para a súa supervivencia e recuperación.
Temos varios exemplos en datas recentes do que supón a non existencia da unidade de grandes queimados na nosa área, recentemente un accidente laboral en unha canteira de O Porriño, deixou catro feridos, un deles de gran gravidade por queimaduras, que foi trasladado en helicóptero a Unidade de queimados da Coruña.
Por todo iso a Plataforma SOS Sanidade Publica da Área sanitaria de Vigo, reclamamos á Consellería de Sanidade a revisión desta medida e a posta en marcha das actuacións necesarias para garantir que a área sanitaria de Vigo conte cunha Unidade de Grandes Queimados integrada na rede pública, acorde co peso da poboación, económico e industrial da área sur de Galicia.
Porque unha sanidade pública forte necesita servizos de alta especialización próximos á cidadanía e non máis recortes nin centralizacións que afastan a atención das persoas que máis a necesitan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario