O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DENUNCIA A GRAVE SITUACIÓN DA POLICÍA LOCAL DE TOMIÑO
Violeta de Santiago (voceira do PSdeG-PSOE): “Estamos
a padecer unha crise pandémica sen precedentes e non contamos cun
servizo que vele pola nosa seguridade nin polo cumprimento das
restricións actuais”
Infogauda / Tomiño
As concelleiras Violeta de Santiago e Mirta Misa, do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE na Corporación Municipal de Tomiño denuncian ante á cidadanía que “a Policía Local do Concello está a vivir unha situación crítica, pois estan intentando manter o servizo, con tan só dous efectivos, o cal é practicamente imposible e está a causar problemas na veciñanza”.
Violeta de Santiago voceira socialista refere que “no pasado pleno do día 12 de xaneiro a pregunta sobre este tema ao Goberno nacionalista (cando o servizo contaba aínda con 4 efectivos) o concelleiro delegado deu conta da inminente comisión de servizo ou contratación de auxiliares. A Comisión de servizo queda descartada pois as alcaldías da contorna non se permiten prescindir de persoal. Cubrir a praza vacante, por moito que se queiran apurar os prazos agora, levaríanos ata o 2022, e esperemos que a contratación de un auxiliar chegue en febreiro”.
Asemade, Violeta de Santiago critica que “o Goberno do BNG aprobe unha modificación da RPT [Relación de Postos de Traballo], para incorporar sendos postos de técnicos de xestión e de Medio Ambiente, cando o servizo de Policía Local está nesta precaria situación, que sen dúbida é froito dunha mala xestión”. Nun concello de grande extensión e dispersión como Tomiño, as concelleiras do PSdeG-PSOE consideran que “non se pode consentir unha situación como a actual”, e lembran que “estamos a padecer unha crise pandémica sen precedentes e non contamos cun servizo que vele pola nosa seguridade nin polo cumprimento das restricións actuais”.
“Pero o realmente inaceptable, é a falta de transparencia deste Goberno local que non comunica aos veciños e veciñas o que está a acontecer, e que consinte sen ningún pudor, que a maioría da poboación verta sobre a Policía Local o seu malestar, enfados e protestas, a sabendas de que é unha inxustiza”, afirma Violeta de Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario