27 de xan. de 2021

TOMIÑO

O Servizo de Igualdade do Concello de Tomiño atendeu máis de 160 consultas no 2020  

O pasado ano atendeu a 31 mulleres que presentaban problemáticas directamente relacionadas coa violencia de xénero e a 40 usuarias en situación de vulnerabilidade  

 

                Fachada principal do inmoble onde está o Servizo de Igualdade do Concello de Tomiño
 

Infogauda / Tomiño

 O Servizo de Igualdade do Concello de Tomiño, desenvolvido pola Concellería de Benestar Social, Igualdade e Educación, presentou onte a memoria de actividade correspondente ao ano 2020. O eqiuipo do devandito servizo atendeu a 31 usuarias que presentaban problemáticas directamente relacionadas coa violencia de xénero, ademais de prestar asesoramento a 40 usuarias en situación de vulnerabilidade que por distintas cuestións —fundamentalmente conflitos relacionados co Dereito de Familia e con fillos/as menores a cargo— precisaron desta atención como xeito de traballar na súa autonomía e para a defensa dos seus dereitos e dos seus fillos e fillas.   

 En total, tendo en conta que cada usuaria require de sucesivos trámites e que en moitas ocasións presentan diversas problemáticas, no ano 2020 rexistráronse máis de 160 consultas. O servizo inclúe asesoramento xurídico de balde e individualizado, elaboración de documentos e solicitude de prestacións a mulleres vítimas, entre outras xestións. Desde que se comezou a ofrecer este servizo en outubro do 2016 xa son 151 as usuarias que acudiron ao mesmo.  

 Seguindo coas actuacións levadas a cabo en anos anteriores, dende a Concellería de Igualdade programáronse tamén distintas actividades para traballar a prol da Igualdade e contra a violencia machista. Deste xeito, ademais dos actos relacionados en motivo do 25 de novembro coa campaña Tomiño en Negro e do 8 de marzo, leváronse a cabo actividades como a proxección en liña do filme Tódalas Mulleres que coñezo, de Xiana de Teixeiro; obradoiros de prevención e detección da violencia de xénero para persoal de Servizos Sociais, Policía e Protección Civil, unha charla en liña da académica feminista Rosa Cobo Bedía na que participaron máis de 40 persoas, e un obradoiro de competencias dixitais para facilitar o acceso ao emprego de mulleres desempregadas, impartido entre os meses de outubro e decembro.  

 Desde o equipo de goberno municipal avanzan igualmente: Tamén se está traballando na posta en marcha doutras iniciativas tales como a elaboración do IV Plan de Igualdade municipal, que será formulado de xeito participativo, mediante consulta a axentes sociais, organizacións e asociación municipais. Tamén se realizará unha avaliación do plan actual e farase difusión entre mozos e mozas da importancia dunha educación afectivo- sexual igualitaria, entre outras iniciativas.  

 En palabras da concelleira, Cristina Martínez, “é unha obriga das distintas administracións, e especialmente da Administración Local por ser a máis achegada á cidadanía, facilitar os medios que garantan a igualdade real de dereitos entre mulleres e homes e polo tanto a loitar contra a desigualdade que aínda hoxe sofren as mulleres polo feito de selo, especialmente na súa máxima e máis brutal expresión, que é a violencia machista, e máis en contextos de crise como o actual, nos que non podemos esquecer que son as mulleres as que máis sofren as consecuencias económicas e sociais”. 

SERVIZO DE ATENCIÓN  XURÍDICA

 O Concello de Tomiño reitérase neste compromiso e recorda que o servizo de atención xurídica está dispoñible para todas as mulleres que o precisen. Anima tamén á cidadanía en xeral a participar naquelas iniciativas que poidan organizarse a prol da igualdade. Aínda que a situación sanitaria obriga a repensar o xeito de organizar moitas das actividades, o Concello continuará traballando neste ámbito co fin de acadar unha sociedade realmente xusta e igualitaria. Lémbrase tamén que o servizo de asesoramento xurídico atende os mércores de mañá e tarde, previa cita no teléfono 986 623 211. No caso de non ser posible o desprazamento, as mulleres que o precisen poden solicitar cita telefónica e serán contactadas pola profesional que as atenderá.

Ningún comentario:

Publicar un comentario