18 de xan. de 2021

A GUARDA

O Concello de A Guarda continúa dando pasos para converter a praza de abastos nun mercado de excelencia 

•    Nas vindeiras semanas arrancarán as obras de mellora que terán lugar no primeiro andar do inmoble, e sobre as que destaca a actuación para a apertura da terraza á rúa Concepción Arenal

 

                           Fachada principal da praza de abastos de A Guarda

 

Infogauda / A Guarda

  Ainda que tiñamos coñecemento desa previsión desde o pasado día 12 de decembro de 2020, consideramos oportuno agardar ata o momento en que o equipo de goberno municipal do Concello de A Guarda o fixese público. E iso é o que vén de comunicar no día de hoxe o executivo local, indicando que "nas vindeiras semanas arrancarán as obras de mellora no primeiro andar do mercado municipal, sobre as que destaca a actuación para a apertura dunha terraza á rúa Concepción Arenal". 

 "A obra - adiantan desde o goberno, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz - acometerá melloras no solado do primeiro andar. Concretamente procederase a substituír o actual solado por gres cerámico antibacteriano. Ademais realizarase o acondicionamento de dous postos, un anexo á terraza e outro máis no mesmo andar, de cara a abrir nos próximos meses un procedemento de presentación de ofertas para a adxudicación deses postos e outros do andar baixo que se atopan vacantes na actualidade.   

 Con esta reforma na terraza preténdese habilitar unha zona de lecer das persoas que van á praza e, na que nun futuro, se podería complementar o uso cunha cafetería, despacho de pan ou similar.  

 Tralas obras levadas a cabo en anos anteriores (habilitación de prazas de aparcamento, mellora na accesibilidade ou saneamento), esta actuación vai dirixida a modernizar unhas instalacións municipais que actúan como dinamizadores da actividade comercial da vila".  

 Estas obras levaranse a cabo con achegas da Consellería de Medio Rural e da Deputación de Pontevedra.  

 Esta actuación será complementada cun proxecto de mellora estética para o cal se fará un concurso de ideas aberto a persoas vinculadas co interiorismo e a arquitectura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario