2 de dec. de 2020

VIGO

LABORAL

A CIG consigue a maioría absoluta nas eleccións sindicais de Veolia, concesionaria do mantemento do Álvaro Cunqueiro 

A central fíxose con 3 dos 5 representantes que se elexían no comité 

Infogauda / Vigo

 A CIG-Industria de Vigo conseguiu a maioría absoluta nas eleccións sindicais que veñen de celebrarse en Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro. A central fíxose con 3 dos 5 representantes que se escollían no comité de empresa. 

 Tras a xornada electoral que tivo lugar antonte luns a CIG sitúase como principal forza en Veolia, ao mellorar os resultados acadados nas anteriores eleccións, nas que obtivera 2 delegados/as. Nesta ocasión sumou 1 máis, todos no colexio de especialistas, grazas aos 45 votos colleitados (do total de 59 emitidos). 

 O comité complétano un representante de CCOO, que sumou 14 apoios no colexio de especialistas e outro da UGT, que contabilizou 8 votos entre o persoal técnico e administrativo. A CIG presentou candidatura por primeira vez neste colexio, rexistrando 4 votos. 

 Dende a representación sindical da CIG en Veolia agradecen a confianza recibida por parte do persoal do servizo de mantemento do Álvaro Cunqueiro e reiteran o seu compromiso na defensa dos dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as da empresa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario