Neste 2020 o Concello Tomiño realizou 239 baleirados de fosas sépticas a través do seu servizo
A limpeza das fosas está subvencionada polo Concello e poden adherirse ao servizo aqueles usuarios que non puideron conectarse aínda á rede de saneamento
Operario, vehículo e cisterna do servizo de baleirado de fosas sépticas do Concello de Tomiño
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño ofrece desde febreiro de 2017 un servizo de baleirado de fosas sépticas para aquelas familias que aínda non puideron conectarse á rede de saneamento, que supoñen preto do 40% da poboación do municipio, un problema agravado pola dispersión da poboación nun territorio moi extenso (106 km2).
Neste servizo están censados actualmente un total de 244 persoas, das cales 130 utilizárono durante o presente ano. En total foron realizados 239 baleirados en 2020, fronte aos 167 do ano anterior, un 43% máis. O custo promedio que ten contratar unha empresa de baleirado adoita superar os 100 euros, pero coas bonificacións que o Concello ofrece aos usuarios adheridos a este servizo o custe do primeiro baleirado do ano cífrase en tan só 20 euros, pasando a 40 nos baleirados seguintes. No caso daqueles fogares que polas súas circunstancias non poidan facer fronte ao pago está contemplada a exención do pago do primeiro baleirado se así o estipulan os servizos sociais do Concello.
O tempo de demora medio desde que o usuario demanda a limpeza ata que se produce é de 4,5 días. Este tempo pode verse dilatado en función da demanda do servizo —que se leva a cabo os martes e xoves—, especialmente nas épocas de chuvia, onde é frecuente que a EDAR de Tomiño traballe ao límite da súa capacidade e sexa necesario empregar a EDAR de Guillarei.
Aumento da demanda polo confinamento
O confinamento domiciliario decretado durante os meses de marzo a xuño tivo como consecuencia un aumento da demanda do servizo debido ao maior tempo que as persoas pasaron nas súas vivendas, chegando a concentraren estes catro meses case o 50% do total de baleirados.
Para solicitar o servizo de baleirado de fosas sépticas, o titular da vivenda debe dirixirse primeiro á empresa AQUALIA e pedir un certificado de non estar conectado á rede de saneamento, ou ben estar situado a máis de 50 metros da mesma (se está a menos é obrigatorio conectarse). Do mesmo xeito, debe pasar polo Concello para inscribirse no Rexistro de Fosas Sépticas e Pozos Negros do Concello e cubrir unha solicitude (de autorización para o baleirado) a primeira vez que se solicita o servizo.
Toda a información para a solicitude do servizo pode consultarse na páxina web do Concello de Tomiño no apartado de “Medio Ambiente”: https://tomino.gal/medio-ambiente/
Ningún comentario:
Publicar un comentario