Unha unidade móbil de doazón de sangue visitará O Rosal o vindeiro luns 28 de decembro
Estará na Praza do Calvario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas.
Para preservar a saúde de todos e todas, as persoas interesadas en doar deberán pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828
Infogauda / O Rosal
Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase de novo ata O Rosal antes de acabar o ano. O autobús estará instalado na Praza do Calvario o vindeiro luns 28 de decembro e atenderá ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
Na situación actual, na que necesariamente débense establecer medidas de prevención social encamiñadas a preservar a saúde de todos e todas, todas as persoas que desexen doar sangue deberán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para escalonar a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes, evitando esperas a aglutinacións de xente.
O Centro de Transfusión continúa extremando os protocolos de seguridade para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, en cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.
Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.
Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...
Ningún comentario:
Publicar un comentario