22 de dec. de 2020

PONTEVEDRA

O APALPADOR INICIA MAÑÁ DA MAN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, A SÚA XIRA DE NADAL POLOS CONCELLOS DA PROVINCIA   

Colexios de 36 municipios difundiron hoxe entre as e os seus escolares os vídeos gravados en contornas patrimoniais da provincia nos que inculca o amor pola lingua e a natureza e os bos hábitos alimentarios

                                    O Apalpador e o seu burriño Río Lor
 

Infogauda / Pontevedra 

 Ao berro de “Traio castañas asadas para os nenos e nenas que comen san!” o Apalpador, o seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, iniciarán mañá na Illa de Arousa, Cambados e Barro a súa xira de Nadal pola provincia da man da Deputación de Pontevedra. Esta tradicional figura do Nadal galego visitará ata o 31 de decembro 22concellos da provincia realizando pasacalles ao abeiro do programa ‘Nadal en galego’ do departamento de Lingua que dirixe a deputada nacionalista María Ortega.   

 A dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente, os hábitos de alimentación saudable e a igualdade, serán os valores que se pretenden fomentar coas actuación, levando a música, o baile e as anécdotas ás comarcas por sexto ano consecutivo, nesta ocasión nun formato diferente, o pasacalles, por mor da COVID-19.  

 As actuacións do Apalpador repartiranse entre mañá día 23 e o 31 de decembro –a excepción do día de Nadal- en diferentes horarios e localizacións, sempre ao aire libre e en movemento, para evitar aglomeracións de nenos e nenas. Na comarca de Pontevedra serán tres as visitas (Barro, Poio e Cerdedo-Cotobade), na comarca de Vigo outras catro (Soutomaior, Baiona, Gondomar, e O Porriño), na comarca do Salnés serán dúas (Illa de Arousa e Cambados), na comarca do Deza-Tabeirós dúas (Silleda e Rodeiro), tres na comarca do Condado Paradanta (As Neves, Covelo, e Ponteareas), catro na comarca do Morrazo (Bueu, Moaña,Cangas, e Vilaboa), e catro no Baixo Miño (Salceda, Tomiño, O Rosal, e Tui).  

 O programa ‘Nadal en Galego’tamén deseñado para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse coa mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, 'O Apalpador' representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o bandullo das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de felicidade e comida.    

Vídeos para os colexios, na web e en redes sociais 

 Dado que o número de visitas pola provincia reduciuse este ano en número por mor da COVID-19, ademais dos pasacalles que realizará nos 22 concellos, o Apalpador tamén gravou 36 vídeos en localizacións naturais e contornas patrimoniais singulares e “marabillosas” da provincia para difundir entre os centros de ensino.   

 Estes vídeos organizados polo departamento de Lingua da Deputación foron entregados aos concellos para que, á súa vez, os trasladasen aos colexios de Infantil e Primaria para proxectar no día de hoxe, no que tradicionalmente a rapazada goza dun día de actividades lúdicas antes das festas. Os vídeos están tamén a disposición na páxina web da Deputación e serán difundidos a través das redes sociais provinciais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario