17 de dec. de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia aposta por unha xestión forestal baixa en carbono no espazo transfronteirizo entre Galicia e o Norte de Portugal  

A iniciativa enmárcase no Programa de Cooperación Interreg entre España e o país veciño, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou hoxe na xornada final do proxecto Troco2 


Infogauda / Santiago de Compostela

  O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na xornada final do proxecto Troco2, que persegue aumentar a eficiencia dos montes do espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal no marco do Programa de Cooperación Interreg entre España e o país veciño (POCTEP) 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O obxectivo é apostar por unha xestión forestal baixa en carbono que contribúa á neutralidade climática, á sostibilidade e ao mantemento da biodiversidade, todos eles obxectivos do Plan Forestal de Galicia que entrará en vigor no primeiro semestre de 2021.

 Así, na xornada telemática o director xeral incidiu en que o futuro pasa pola economía verde, que inclúe a bioeconomía baixa en carbono cunha xestión sostible dos bosques. Nesa liña, o Plan Forestal ten como un dos seus obxectivos o bo goberno e o manexo do monte galego, dispoñendo as normas e instrumentos necesarios  que garantan o exercicio dunha xestión forestal activa para o incremento da capacidade de fixación de carbono e a resiliencia das masas forestais ao cambio climático.

 Ademais da revisión do Plan Forestal de Galicia, José Luis Chan destacou que xa se están poñendo en marcha outras medidas que contribuirán a alcanzar os obxectivos de xestión forestal sostible, como o impulso dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestais e dos diferentes sistemas de certificación da xestión forestal sostible. Así mesmo, estase promovendo o Inventario Forestal Continuo de Galicia e diversas fórmulas de xestión conxunta dos montes, así como apoiando aos propietarios e iniciativas particulares que contribúen a impulsar a xestión sostible activa dos bosques e a consecución dos obxectivos de emisións cero.

 A maiores, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural vén de incorporar novas informacións nas declaracións responsables e autorizacións de aproveitamentos de madeira que se levan a cabo en Galicia, co obxectivo de concienciar aos propietarios e xestores do monte cara ás ideas da neutralidade climática. Así, por unha banda, a aplicación mediante a que se solicitan estes aproveitamentos calcula as toneladas de carbono absorbidas pola plantación, afondando na tese de que os bosques son secuestradores masivos do CO2 que se emite á atmosfera. Por outra, e toda vez que existe unha obriga lexislativa en Galicia que establece que -agás cambios de uso ou actividade- os terreos forestais deberán estar rexenerados nun prazo máximo de dous anos dende o aproveitamento, garántese tamén que non haberá deforestación, coa catalogación como “produto libre de deforestación”.

 Como conclusión, na xornada de hoxe incidiuse en que a descarbonización sistemática e profunda do sistema enerxético debe ser unha prioridade para o século XXI, coa finalidade de mitigar o cambio climático, sentar as bases dunha economía neutra en emisións e acompañar aos colectivos máis vulnerables no proceso de transición, involucrando a todas as administracións e a todos os actores da sociedade civil e do mundo académico e científico. Estes obxectivos van aliñados coa Estratexia Forestal Europea e o Pacto Verde Europeo, que persegue que Europa sexa climaticamente neutra para o ano 2050, isto é, que se emita a mesma cantidade de dióxido de carbono á atmosfera da que se retira por distintas vías, deixando en cero a pegada de carbono.

Ningún comentario:

Publicar un comentario