17 de dec. de 2020

TOMIÑO

Tomiño continúa ampliando a súa rede de saneamento  

No que vai de ano incorporáronse xa 45 novas vivendas á rede de saneamento e realizáronse obras de mellora nas instalacións xa existentes 

 


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño continúa traballando por levar a rede de saneamento ao máximo número de vivendas posible, especialmente a aquelas máis achegadas á rede xa existente, onde resulta máis eficiente realizar a conexión.  

 Esta ampliación foi levada aos barrios de Paredes, O Ral, Pazos, A Costa, San Lourenzo ou O Rexidouro, entre outros. Entre as vivendas que se sumaron grazas ás ampliacións da rede feita no presente ano e aquelas que se conectaron a unha rede xa existente, sumáronse en total 45 novas incorporacións á rede de saneamento.  

 Aparte da ampliación da rede, realizáronse tamén obras de mellora na rede existente, como a renovación do colector en Centinela, Goián. Aproveitando as obras de peonalización realizadas no presente ano na rúa República Arxentina e na rúa A Guarda, o Concello aproveitou para reunirse cos propietarios dos edificios colindantes para facer tamén a separativa entre as augas pluviais e a rede de saneamento, aliviando así a carga que esta viña soportando. Esta obra está previsto que sexa realizada tamén nas áreas do núcleo de Goián que están sendo remodeladas na actualidade, como o caso da Avenida Ordóñez.  

 No presente ano 2020 o Concello de Tomiño investiu preto de 100.000 euros en realizar unha serie de melloras na rede. Desde a institución lembran que para aquelas familias que aínda non puideran conectarse á rede de saneamento, o Concello ofrece desde finais do ano 2017 un servizo de baleirado de fosas sépticas. Os pasos e condicións para acceder a este servizo poden ser consultados na web municipal a través da ligazón https://tomino.gal/medio-ambiente/.

Ningún comentario:

Publicar un comentario