Infogauda / Santiago de Compostela
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que as Directrices da Paisaxe superaron o último trámite necesario, antes da súa aprobación definitiva; grazas ao visto e prace do Consello Asesor da Paisaxe, que -reunido esta mañá- aprobou o texto que agora pode ser elevado ao Consello da Xunta para a súa aprobación por parte do Goberno galego.
A conselleira de Medio Ambiente salientou a importancia de sacar adiante este instrumento de protección da paisaxe por dúas razóns: fíxose no marco dun consenso amplo, grazas a un proceso no que participou a sociedade e os axentes implicados, un feito que pon de manifesto que as paisaxes forman parte do que somos como sociedade, do presente e tamén do futuro; porque a calidade da paisaxe é un perfecto indicador do grao de desenvolvemento social; polo que a boa xestión e ordenación son factores a ter en conta para mellorar a competitividade dun territorio.
A segunda das razóns é porque se dota á Comunidade galega das primeiras Directrices da Paisaxe, un documento no que se recollen normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego, coa finalidade de preserva e coidar os valores paisaxísticos.
Explicou que non se debe entender como un documento de prohibicións, senón que se fixan contidos que pretenden compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia; polo que se establecen normas, que serán obrigatorias para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística, así como para as estratexias rexionais e locai, e recomendacións, que son orientativas e suxiren limitacións ou condicións de carácter xenérico.
Reiterou que a paisaxe é unha cuestión que identifica e define a unha sociedade, de aí que as directrices -que entrarán en vigor o vindeiro ano- deberán integrarse en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo en Galicia e teranse en conta os valores paisaxísticos en todas as súas fases, é dicir, deberá respectar o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxes.
Por último, salientou que grazas a estas primeiras Directrices da Paisaxe, Galicia avanza un chanzo máis no camiño iniciado polo actual Goberno hai máis dunha década para protexer a paisaxe, dez anos nos que se aprobou o Catálogo das Paisaxes, o deseño das Guías da Paisaxe galega e a aprobación do regulamento da Lei da paisaxe, así como a posta en marcha dos primeiros Pactos pola paisaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario