Campionato galego de dúatlon na estrada
Elsa Pena Vicente logrou o bronce
A cadete de A Guarda finalizou terceira tras as irmás Brea
Infogauda / Redacción Deportes
A atleta Elsa Pena Vicente (A Guarda, 01.09.2003) obtivo a medalla de bronce no Campionato de Galicia de dúatlon na estrada que se disputou onte en Narón nun formato especial debido á pandemia do coronavirus, que converteu a cita nunha contrarreloxo ao saír os deportistas de dous en dous e separados.
Os prognósticos, en categoría feminina, cumpríronse porque situaban ás irmás venezolanas afincadas en Galicia Joselyn e Edymar Brea como favoritas á vitoria e así sucedeu. Joselyn superou nun minuto á súa irmá menor e na terceira praza xa se meteu a guardesa Elsa Pena Vicente, que volveu confirmar o seu gran nivel a pesar de estar aínda en categoría cadete. Finalizou a 1:33 da primeira posición e tras asinar o mellor tempo do día no sector ciclista, o que mostra as súas extraordinarias condicións.
As deportistas do Tríatlon Mar de Vigo non puideron estar nas prazas cabeceiras e, por equipos, terminaron na quinta posición. A guardesa Pena obtivo a prata colectiva co Cidade de Lugo Fluvial. Na categoría masculina, o triunfo correspondeu a Iván Pontes, do Tríatlon Ferrol, mentres que na clasificación por equipos impúxose o Cidade de Lugo Fluvial.
O campionato galego disputado onte correspondeu á edición de 2020, que se atrasou debido á pandemia do coronavirus.
Ningún comentario:
Publicar un comentario