Posición do BNG da Guarda sobre os orzamentos do Concello para o 2021
Anxo Baz: “O PSOE nunca tivo vontade real de negociar nada con ningún outro grupo”
Anxo Baz, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego / A Guarda
O debate creado nos últimos días polo Alcalde e polo grupo de goberno do PSOE da Guarda sobre a aprobación dos orzamentos, non pasan de ser unha mera cortina de fume para tapar o descrédito deste goberno e da súa falta de atención aos verdadeiros problemas que sufre A Guarda. Non debemos esquecer que levan sen presentar orzamentos desde o 2018 o que demostra o seu desleixo e ausencia de proxecto para este pobo.
O portavoz municipal do BNG Anxo Baz, manifestou “o PSOE nunca tivo vontade real de negociar nada con ningún outro grupo. A lei facilítalles levar adiante a súa proposta de orzamento sen cambiar absolutamente nada. De non presentar o BNG co PP unha moción de censura, cousa que todo o pobo da Guarda sabe que non vai ocorrer, os orzamentos quedarán aprobados automaticamente ao cabo dun mes despois de presentada a moción de confianza tal e como marca a lei”.
Os orzamentos son o documento económico no que se sustenta un proxecto de pobo. Ao largo deste mandato as diferenzas do BNG co actual grupo de goberno foron notorias e manifestas en cuestións centrais para poder iniciar un proceso de transformación paulatino da Guarda en aspectos tan transcendentes como a mobilidade e a recuperación do espazo público para as persoas, as estratexias para diminuir a emisión de gases á atmosfera, a promoción e potenciación do comercio local, etc.
Os orzamentos presentados para o 2021 polo grupo de goberno non saen deste guión, esquecendo acordos plenarios como o proxecto de remodelación da praza de abastos ou reivindicacións históricas como a apertura da rúa Inguieros.
De teren o máis mínimo interese en negocialos con algún outro grupo, presentaríanos acompañados dunha proposta de inversións para o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A razón é simple, as inversións reais destes orzamentos rondan os 100.000 €, o plan Concellos supera os 600.000 €. Que grupo político cun mínimo de criterio vai negociar unha partida de 100.000 € e esquecerse dos 600.000€ que veñen do Plan Concellos?
A maiores o grupo de goberno fai anuncios nos medios de comunicación de incrementos en partidas como a de emerxencia social nun 20%, que simplemente son falsos. No exercicio do 2020 adicouse para este concepto 14.820€ máis dos que aparecen nesta proposta de orzamentos. Desaparecen tamén partidas como a de emerxencia social do Centro de Información a Muller, a pesar de que no último pleno se aprobou por unanimidade incrementala.
Por todos estes motivos o BNG votou en contra destes orzamentos no pleno celebrado o pasado 18 de decembro. A presentación da moción de confianza por parte do Alcalde, leva a que estes orzamentos saian aprobados agora ou dentro dun mes, dado que o requisito para tiralos abaixo implicaría un acordo de gobernabilidade entre forzas políticas sin coincidencias mínimas, polo que anunciamos que nos absteremos no pleno do próximo 23 de decembro aínda sabendo que estes non son os orzamentos que precisa A Guarda. Cando menos remataremos cun debate ficticio no que o Alcalde e o grupo de goberno o único que pretenden e aparecer como vítimas e así disimular a súa incapacidade para xestionar o Concello de A Guarda.
Estamos convencidos que estamos diante dun goberno esgotado e sin ideas, o BNG continuará traballando coa sociedade guardesa para levar adiante un proxecto con capacidade para ilusionar ao pobo da Guarda máis cedo que tarde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario