Actividades culturais e de Nadal para rematar o ano na vila de A Guarda
• Os “Carteiros do Nadal” estarán na localidade do 22 ao 23 de decembro para recoller as cartas dos nenos e nenas
• A programación conta con diversas actividades, tendo sempre en conta as medidas sanitarias vixentes e os aforos máximos, algunhas das cales é preciso realizar inscrición previa.
Así loce a Praza do Reló, no casco antigo da vila de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Continúa desenvolvéndose a programación de actividades do Nadal 2020 e co comezo das vacacións escolares, incorporaranse novas propostas, como “Os Carteiros de Nadal”, que recollerán as cartas dos nenos o martes 22, mércores 23 e o xoves 24 de decembro.
“Os Carteiros do Nadal” estarán polas diferentes rúas da vila para que os nenos e nenas entreguen as súas cartas (os días 22 e 23 de decembro, en horario de 17:00 a 20:00h horas, e o día 24 en horario de 10:30 a 13:30h). En caso de choiva esta actividade terá lugar no Centro Cultural.
A derradeira actividade deste 2020 terá lugar o sábado 26 de decembro ás 17:30 horas, no Centro Cultural, co espectáculo infantil “Zona en obras”, de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público.
Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural no 986 61 18 50 (en horario de 10:00 a 13:00h e de 16:00 a 21:00h) ou no enderezo electrónico culturaguarda@gmail.com
ACTIVIDADES PARA COMEZAR O ANO
E no mes de xaneiro, o sábado día 2, ás 17:30h, o Centro Cultural acollerá a obra de teatro infantil “O Crebanoces”, de Larraitz Urruzola. Unha representación para público familiar, duns 60 minutos de duración, inspirada no conto de Hoffmann. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky e está deseñado para ser interpretada tanto con formación musical como sen ela.
Os “Carteiros do Nadal” regresarán ás rúas de A Guarda o sábado día 2 e o luns día 4, en horario de 17:00 a 20:00h, e o martes día 5 de xaneiro, en horario de 10:30 a 13:30h. En caso de choiva esta actividade terá lugar no Centro Cultural.
O martes día 5 xaneiro terá lugar a visita dos Reis Magos, que farán un percorrido polas diferentes rúas da vila, onde as luces que se repartiron entre os nenos polos diferentes centros educativos da vila, guiarán as SS.MM. dende os balcóns e ventás das vivendas da vila. As luces, de fabricación local, son para que os Reis Magos saiban onde teñen que deixar os agasallos, polo que as nenas e nenos teñen que colocalas nas fachadas das casas.
Alumeado de Nadal na rúa Concepción Arenal
Máis actividades na Programación do Nadal 2020
• MERCADO DE NADAL
Na Praza de Avelino Vicente. Ata o día 5 de xaneiro de 2021,en horario de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:00h, coincidindo coa campaña de comercio e cultural adicada ao Nadal.
• VIDEOCHAMADAS COS REIS MAGOS
Os días 3 e 4 de xaneiro os Reis Magos contactarán con todos aqueles nenos e nenas que o desexen. Para participar nestas videochamadas é preciso que se inscriban nesta actividade acudindo ao Centro Cultural ou chamando ao 986 61 18 50 en horario de 10:00 a 13:00h e de 16:00 a 19:00h. Unha vez inscritos proporcionaráselles un código de acceso para ingresar na web: http://www.barafundaanimacion.com/videochamadas-nadal/
Unha vez accedan a devandita web poderán concretar as súas citas cos Reis Magos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario