5 de decembro: Día Internacional de Voluntariado
120 persoas participarán no I Encontro Dixital de Voluntariado da provincia
• O encontro celebrarase o sábado 5 de decembro coincidindo co Día Internacional do Voluntariado.
• O doutor Adolfo Baloira ofrecerá unha charla sobre a situación da Covid-19 na provincia; e o chef Iago Crespo impartirá un taller de cociña.
• Cruz Vermella conta con 2.136 persoas voluntarias en activo en toda a provincia.
Infogauda / A Guarda
Cruz Vermella Pontevedra organiza o I Encontro Dixital de Voluntariado, que se celebrará este sábado 5 de decembro a través da plataforma Teams entre as 11.00 e as 13.00 horas e no que participarán 120 persoas de toda a provincia.
Durante a xornada, haberá un saúdo institucional da presidenta provincial Mª Teresa Álvarez Quicler e daranse a coñecer os datos de todas as accións e respostas realizadas durante este ano. Por outra banda, o doutor Adolfo Baloira, xefe do departamento de Pneumoloxía do CHOP e recentemente recoñecido pola revista Forbes como un dos mellores doutores de España, dará a conferencia “Situación da Covid-19 na provincia de Pontevedra”. Ademais, os asistentes poderán gozar dun taller de cociña a cargo do chef Iago Crespo, que conta cunha ampla experiencia como xefe de cociña en diversos restaurantes internacionais e que é contribuidor na lista de grandes chefs británicos.
"O encontro celebrarase coincidindo co Día Internacional do Voluntariado que, como cada 5 de decembro, promove o recoñecemento e o agradecemento de todas e cada unha das persoas pola súa inmensa solidariedade e polo seu labor incalculable que fai posible que sigamos atendendo e dando resposta ás persoas máis vulnerables", indican desde Cruz Vermella Baixo Miño.
Actualmente, en toda a provincia, Cruz Vermella conta con 2.136 voluntarios e voluntarias en activo que achegan o seu tempo e coñecementos en axudar a outras persoas sen esperar nada a cambio. Ao longo de todo o 2020, na provincia investíronse máis de 20.800 horas en accións voluntarias. Desde que comezou o ano, houbo 348 altas entre novos voluntarios/as e colaboradores durante o confinamento. É especialmente destacable que desde o inicio da pandemia pola Covid-19 mobilizáronse 556 persoas dentro do plan Cruz Vermella Responde, realizando máis 11.504 horas de intervención, repartindo alimentos, medicamentos, máscaras, etc., en casas durante o confinamento, realizando chamadas de seguimento a persoas en risco ou colaborando e adaptando os talleres dos diferentes proxectos á contorna en liña, entre outras moitas accións.
Na comarca de Baixo Miño hai nestes momentos 104 voluntarios en activo, que ao longo do 2020, desenvolveron en total 1.164 horas de acción voluntaria para atender ás persoas máis vulnerables da zona.
"Cruz Vermella segue apostando pola difusión e sensibilización do voluntariado, co fin de atraer a aquelas persoas con inquietudes sociais e que dispoñan dun tempo libre á semana. Nas áreas de Cruz Vermella Mocidade e de maiores, entre outras, segue sendo necesaria a colaboración de máis persoas, nun tempo onde todas as actividades e talleres adaptáronse a unha forma dixital. É imprescindible seguir colaborando nestes proxectos. Apostamos pola innovación social promovendo novas formas de voluntariado, de modo que o voluntariado adáptase ao tempo e os intereses de cada persoa que poida colaborar. En Cruz Vermella hai un voluntariado feito a medida de cada un", afirman desde a Asemblea de Cruz Vermella Baixo Miño, con sede na vila de A Guarda.

Ningún comentario:
Publicar un comentario