4 de dec. de 2020

TOMIÑO

O Concello de Tomiño avanza na creación do Arquivo Municipal da Imaxe

A primeira fase vaise pechar con máis de 3.000 fotografías catalogadas  

 

                                   Xentes de Tomiño. Recolla de campo
 

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño concluirá nas vindeiras semanas a primeira fase de creación do Arquivo Municipal da Imaxe, "un proxecto co que se pretende recoller, dixitalizar e arquivar as imaxes producidas polos veciños e veciñas do concello ao longo dos anos. A intención é que este arquivo teña varias funcionalidades, servindo por un lado para recopilar o patrimonio fotográfico que forma parte da historia municipal e que está sen recoller, ademais de ser tamén un sistema de conservación e preservación das propias fotografías", indican desde o Equipo de Goberno Municipal.  

 

“Interior de la central eléctrica”, Tebra, autor descoñecido, 1931. No interior da construcción adicional de madeira, o grupo de 110 KVA con turbina Francis. A central de A Miudiña foi instalada pola Sociedad Electricista de Tui con concesión de 1893.

 

 As mesmas fontes, salientan que "o proxecto está a piques de rematar a súa primeira fase, desenvolvida ao longo dos últimos meses, e que se caracterizou pola creación da estrutura e clasificación de máis de 3.000 fotografías recollidas de múltiples fontes, tales como hemerotecas de diversas publicacións, arquivos fotográficos, fundacións ou recopilacións xa feitas polo propio Concello en proxectos anteriores, como por exemplo a colección de fotografías de arquitectura indiana.  

 

“As bruxas do Baixo Miño van ás Islas Canarias”, anterior a 1980, fotografía de Eliseo Alonso

 

Ricardo Pérez, gaiteiro de Goián, 1925, autor descoñecido, fotografía publicada en prensa, El Pueblo Gallego 22/07/1925

 

 Aínda que xa hai recollido un pequeno corpus de fotografías aportadas polos veciños e veciñas de Tomiño, este proceso de recopilación a través das familias do municipio viuse interrompido pola pandemia, quedando aprazada esta fase para cando estea superada a situación". 

 

Goyán F. C. de New York, 1928, New York, autor: “un simpatizador del Goyán con aspiraciones artísticas”, fotografía publicada no artigo “Ex-campeones que se aprestan para la reconquista”, en La Prensa, 21/09/1928, p. 5, New York. O Goián de New York foi campión da Liga Hispano Americana de Balompié en 1925-1926 e 1926-1927, e subcampión en 1927-1928.
 

 Tal e como avanzan desde o executivo municipal do Concello de Tomiño "este proceso de recopilación de material fotográfico porta a porta será previsiblemente realizado durante os vindeiros anos a través de campañas periódicas de recollida entre a veciñanza. Espérase que o arquivo sexa amacenado na futura biblioteca de Tomiño, podendo ser consultado por toda a veciñanza".

Ningún comentario:

Publicar un comentario