4 de dec. de 2020

O ROSAL

O XABARIL MÁIS FAMOSO CHEGA AO ROSAL

O Salón de Exposicións do Concello acolle a mostra ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’. 

Estará aberta do público ata o mes de xaneiro 

 


Infogauda / O Rosal

 O Xabarín Club arrasou en audiencia nas tardes da TVG a finais do século pasado e ata deu nome á xeración de rapaces e rapazas que se achegaron a unha programación infantil e xuvenil en lingua galega. Este venres 4 de decembro o xabaril máis famoso das últimas décadas para moitos galegos e galegas chega ao Rosal, que acolle no Salón de Exposicións do Concello a mostra ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’, do CEI Monte da Guía, de Moaña.  

 Como marco desta exposición o centro educativo moañés empregou unha das accións da Mesa pola Normalización Lingüística para poñer en marcha unha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha canle ‘Xabarín’, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todas as plataformas de contidos audiovisuais así como aplicacións (app) actualizadas que garantan unha canle en galego con contidos atractivos, de éxito actuais e pasados, educativos e de produción galega. Na mostra, as persoas interesadas en dar respaldo a esta iniciativa poderán deixar a súa sinatura para levar esta proposición ao parlamento.  

 Con esta iniciativa búscase ademais, entre outros obxectivos, que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego na programación de canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa app e que a Xunta de Galicia chegue a acordos con outras administracións e empresas como Movistar, Netflix, HBO,…, co fin de garantir a opción dobrada e lexendada ou galego en todas as plataformas dixitais de televisión.  

 Trátase así de reverter a situación actual, na que a lingua galega é a única oficial do Estado que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil, que ocupa apenas un 4,6% da programación semanal e o 2,7% na fin de semana. Lonxe quedan os anos 90, nos que Galicia se situou á vangarda dos contidos infantís e xuvenís coa programación do Xabarín Club na TVG, coa que se contribuíu decisivamente á normalización da lingua galega e á difusión da música, da produción audiovisual e escénica desenvolvida na comunidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario