Antonio Lomba Baz trasladoulle á delegada territorial da Xunta de Galicia os 6 proxectos vertebradores para á nosa localidade
E para os que o alcalde de A Guarda pide a máxima colaboración
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Mª Luisa Piñeiro, reafirmou a “máxima colaboración” do Goberno galego co concello guardés
A delegada territorial da Xunta de Galicia asinando no Libro de Ouro do Concello de A Guarda, en presenza do alcalde da vila
Infogauda / A Guarda
Na mañá deste xoves día 10 de decembro de 2020, María Luisa Piñeiro Arcos, delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, realizou a súa primeira visita institucional á vila de A Guarda.
Neste primeiro encontro de traballo co alcalde Antonio Lomba Baz, aproveitou a ocasión para deixar a súa sinatura no Libro de Ouro do Concello e para manter unha conversa sobre os seis principais proxectos nos que a Xunta de Galicia debe de prestar a súa “máxima colaboración”, tal e como manifestou o alcalde.
De esq. a der.: Antonio Lomba, Mª Montserrat Magallanes e Mª Luisa Piñeiro
Estes proxectos teñen que ver coa mellora dos accesos e da mobilidade da vila, o incremento da seguridade viaria, a mellora das instalacións deportivas, a mellora dos servizos sociais municipais e a disposición de chan industrial para establecer empresas no municipio.
Neste senso os principais proxectos son o remate da VAP Tui-A Guarda, a construción do Acceso Sur ao Porto de A Guarda, a Senda mixta arredor do Monte Santa Trega, a reforma do Pavillón Municipal de Deportes, o remate da 3ª pranta da casa consistorial (para o seu uso por parte de Servizos Sociais) e o desenvolvemento dun parque empresarial.
No caso da VAP Tui-A Guarda, Antonio Lomba recordou que para A Guarda é un lastre a falta de boas comunicacións por estrada, algo que imposibilita fixar empresas e poboación no municipio, unha vella demanda dos veciños e veciñas da vila.
En canto ao Acceso Sur, o alcalde trasladoulle á delegada que xa existe un proxecto, redactado pola Deputación de Pontevedra, pero que é necesario a implicación de todas as institucións para que o Porto de A Guarda teña un acceso en condicións, que permita e facilite o traballo das xentes do mar.
Outros dos proxectos plantexados foi a Senda Mixta arredor do Monte Santa Trega, unha demanda que preocupa moito ao alcalde, por tratarse dun tema de seguridade viaria e que está a pór en risco a moitos veciños que transitan por unha vía sen beirarrúas e moi estreita, cunha alta circulación de vehículos de todo tipo, especialmente na tempada estival.
En canto á reforma do Pavillón Municipal de Deportes, Antonio Lomba recordoulle a María Luisa Piñeiro que A Guarda conta cun equipo - o Balonmán Atlético Guardés - de balonmán feminino na División de Honra, que xoga en competicións europeas e que precisa dende fai tempo dunhas instalacións axeitadas ao seu nivel de competición.
O remate da 3ª planta da Casa do Concello foi outro dos temas plantexados, posto que o seu uso estaría destinado aos Servicios Sociais Municipais, que arestora atenden na sede do antigo concello. Trátase dunha planta que está aínda sen rematar e que precisa unhas obras de adecuación para poder establecer alí as devanditas dependencias do concello.
Xa para rematar, e non por iso menos importante, o rexidor local falou coa delegada sobre o chan industrial no municipio, unha necesidade urxente para que empresas de toda índole se poidan implantar na vila. Tal e como manifestou Lomba “existe unha alta demanda de chan empresarial, algo que favorecería a economía da vila e axudaría a fixar poboación”.
O alcalde comentou coa delegada territorial da Xunta o deseño da bolsa editada polo Concello de A Guarda
María Luisa Piñeiro amosou o seu interese nos temas plantexados polo alcalde, moitos deles xa avanzados ou encamiñados con proxectos redactados, pero para os que é preciso o apoio da Xunta de Galicia e outros entes autonómicos e provinciais para a súa financiación e execución.
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, reafirmou a “máxima colaboración” do Goberno galego co Concello de A Guarda durante a súa visita institucional ao municipio. Así, apuntou que nos vindeiros meses haberá importantes actuacións en materia de infraestruturas, cun novo treito da Vía de Altas Prestacións (VAP) por 17 millóns de euros que mellorará a mobilidade no Baixo Miño, a nova escola infantil licitada en 760.000€ ou as obras de Portos de Galicia na rampla do peirao por 200.000€.
A representante autonómica lembrou o “gran compromiso” do executivo autonómico con A Guarda, xa que lembrou que se investiron máis de 12 millóns de euros na derradeira lexislatura con especial implicación en materia de economía, emprego, formación e comercio, con máis de 5 millóns, e na área de política social, con preto de 3 millóns para libranzas, coidados ou o Risga, entre outras.
Mª Luisa Piñeiro detallou estas actuacións recentes e futuras tras manter unha reunión de traballo co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, para recoller as súas demandas para a Xunta e comprometeuse a comezar coa xestión das mesmas para ver as posibilidades de actuación por parte do Goberno galego.
En calquera caso, garantiu a “total dispoñibilidade e apoio” do executivo autonómico nas cuestións de interese xeral para o municipio e cre que este ánimo de colaboración “queda máis que demostrado cos próximos investimentos en practicamente todas as áreas e que axudan tanto a mellorar a comunicación dos veciños como a atender as súas necesidades e contribuir ao incremento do benestar e da calidade de vida dos guardeses”. Entre elas, destacou a creación de tres unidades con 41 prazas na nova gardería, que conta dende onte mesmo con proposta de adxudicación por parte da Xunta, o que situará a ratio de atención á infancia no municipio quince puntos por riba dos parámetros recomendados pola Unión Europea (UE).
Rematou este primeiro encontro cun agasallo por parte do alcalde da vila á delegada territorial da Xunta de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario