11 de dec. de 2020

A GUARDA

O BNG ANIMA A COMPRAR PRODUTO GALEGO E NO COMERCIO LOCAL

PARA AXUDAR Á REACTIVACIÓN ECONÓMICA E SOCIAL 

 

Beatriz Lomba, concelleira e responsábel local do BNG e Anxo Lois Baz, portavoz municipal no Concello de A Guarda, na presentación da campaña de apoio ao comercio de proximidade


Infogauda / A Guarda

 O BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local baixo o lema Mellor local, Mellor Galego e cunha dobre petición aos galegos e as galegas: consumamos produto do país e consumámolo no comercio de proximidade, axudando deste xeito a reactivación económica e social dun sector que xera moitos empregos e cun efecto dinamizador da nosa vila.  

 O portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda, Anxo Lois Baz Vicente explicou as razóns da iniciativa: “Todos somos conscientes do efecto tremendo  que provoca ver unha rúa coas  persianas baixadas  e os  locais baleiros e, tamén sabemos, o positivo  que resulta tanto no económico como no social  un comercio local vivo e dinámico”.  

 O BNG  anima a comprar produto feito aquí e vendido no comercio local todo o ano, pero especialmente nestas datas e nestes tempos de pandemia. Anxo Lois Baz manifestou “con esta campaña queremos facer un chamamento a consumir produto galego e facelo no comercio local, apostar polo noso” para acabar concluindo: “O comercio local significa: calidade, trato personalizado, produto coidado e diferenciado”.  

 Pola súa parte Beatriz Lomba Rodríguez, concelleira e responsábel local do BNG, anunciou os eixos da campaña do BNG: “Ademais dunha tirada de carteis para repartir no comercio, editamos  un video para promocionar nas redes sociais feito por guardeses e guardesas que producen aquí ou consumen habitualmente no mercado local”.  

 A nacionalista tamén aclarou: “Ademais desta campaña de sensibilización, o Bloque presentará  unha moción no próximo pleno na que propoñemos un paquete de medidas concretas que teñan en conta a crise xerada pola pandemia na hostalaría e tamén os retos aos que ten que enfrontarse o pequeño e mediano comercio ante novos hábitos como a compra online, en auxe”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario