11 de dec. de 2020

MOBILIDADE TRANSFRONTEIRIZA

O BNG acada un acordo unánime no Parlamento galego para crear unha tarxeta transfronteiriza con Portugal

Que facilite o acceso por motivos laborais, educativos e servizos    

A proposta defendida polo parlamentario Xosé Luís Bará será impulsada dende a Xunta ante os gobernos español e portugués e beneficiará á poboación das dúas beiras do Miño e facilitará as relacións económicas e sociais entre Galiza e Norte de Portugal  

 

                         Xosé Luís Bará Torres, parlamentario do BNG no Parlamento de Galiza

 

Infoguda / Santiago de Compostela 

 O parlamentario do BNG, Xosé Luís Bará Torres defendeu hoxe unha proposta, aprobada por unanimidade tras unha transación co Partido Popular, para impulsar unha “tarxeta transfronteiriza” para ás persoas que habitualmente se desprazan a Portugal por motivos laborais, de estudos ou de acceso a servizos, no caso de que se establezan restricións do paso da fronteira por motivos de saúde pública.   

 Na súa intervención, o parlamentario do BNG argumentou que a crise sanitaria provocada pola COVID 19 levou aos gobernos español e portugués a decretar o peche das súas fronteiras entre o 17 de marzo e o 1 de xullo. Este peche durante 107 días fíxose de xeito uniforme, centralizado e sen ter en conta a realidade dos diferentes territorios, tanto no ámbito  sanitario como socioeconómico.  No que se refire a Galiza, e máis concretamente ao Miño, dixo Bará, o peche de fronteiras fíxose de maneira unilateral desde Madrid e Lisboa, sen ter en conta a situación epidemiolóxica dos territorios limítrofes e os estreitos lazos institucionais, sociais e económicos entre Galiza e o Norte de Portugal.  

 Aínda que a 500 ou 600 Qm de distancia é difícil entendelo, a realidade é que “o río Miño non é unha liña divisoria entre territorios afastados senón unha ponte de unión, de intercambios e de servizos compartidos”, subliñou o nacionalista.  

 O peche de fronteiras decretado polos gobernos español e portugués supuxo un duro revés para as relacións socioeconómicas do territorio transfronteirizo. O feito de que durante moito tempo só permanecese aberto o paso fronteirizo de Tui-Valença do Minho xerou graves incomodidades á poboación das dúas beiras do Miño, especialmente ás persoas que tiñan que desprazarse por moitvos de traballo e que tiñan que dar “grandes rodeos para chegar ao destino, coa consecuente perda de tempo, de enerxías e de diñeiro”.   

 Polo acordo acadado hoxe á intancias do BNG, o Parlamento insta á Xunta de Galiza a: 

1. Impulsar diante dos gobernos español e portugués que se estuden fórmulas para evitar os efectos negativos no paso da fronteira por motivos de saúde pública.   

2. Apoiar a implantación dunha "Tarxeta cidadá transfronteiriza " que promova a simplificación da vida das persoas, o aumento da eficiencia na Administración Pública  para a poboación residente nos concellos transfronteirizos aproveitando a experiencia de instrumentos deste tipo xa implantados no ámbito das  eurocidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario