A delegada territorial da Xunta en Pontevedra visita Tomiño para supervisar as obras da PO-552
A alcaldesa aproveitou a visita da delegada para trasladarlle a prioridade que para o Concello representa a construcción da biblioteca e o estado do centro de saúde
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra - a esquerda da imaxe - coa alcaldesa de Tomiño
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou hoxe unha visita institucional a Tomiño para supervisar o proxecto de reforzo da seguridade viaria na estrada autonómica PO-552, entre Tomiño e Tui, onde tamén estivo presente o xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez. A actuación atópase xa nun estado avanzado e espérase que estea finalizada nas próximas semanas.
Luisa Piñeiro reafirmou a “colaboración absoluta e o compromiso máximo” do goberno galego co Concello de Tomiño, e lembrou a aposta do executivo autonómico por este termo da bisbarra do Baixo Miño tras investir máis de 13 millóns de euros nos últimos catro anos.
Na súa visita a delegada mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra González, que aproveitou para transladarlle os investimentos que o Concello considera prioritarios. Entre estas prioridades atópanse a da creación da biblioteca municipal, nun edificio anexo ao Mercado Municipal, onde o Concello solicita á Xunta que colabore coa financiación do proxecto.
Por outra parte a alcaldesa aproveitou para transmitir o alarmante estado no que se atopa o Centro de Saúde do Concello, onde prestan atención na actualidade tan só 6 médicos dos 10 que corresponderían ao municipio, así como tan só un dos dous pediatras necesarios. Do mesmo xeito, tamén se lle trasladou a necesidade de reabrir o consultorio de Goián, que permanece pechado desde fai meses. Tamén se incidiu na necesidade de acometer reformas integrais en centros educativos coma o Pedro Caselles ou a axilización do proxecto de ampliación do IES Antón Alonso Ríos.
Outra das cuestións que se trataron foi a necesidade de mellorar a financiación do Servizo de Axuda no Fogar, unha financiación que o Concello considera insuficiente e onde cada vez a administración local ten que asumir un sobrecuste maior. O Concello de Tomiño dedicou a este apartado 91.000 euros no ano 2018, 106.000 no 2019 e 126.000 euros no que vai de 2020, cun total de 44 traballadoras auxiliares que prestan atención a 120 usuarios.
Tras a reunión, Luisa Piñeiro comprometeuse a dar traslado das mesmas ás distintas consellerías e a manter un contacto periódico e constante co Concello de Tomiño para informar dos avances das distintas xestións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario