A Xunta acomete un proxecto de reforzo da seguridade viaria na PO-552 entre Tomiño e Tui cun investimento de 660.000€
A delegada territorial en Pontevedra, Luisa Piñeiro, supervisa a actuación, que inclúe glorietas, melloras en interseccións, beirarrúas e sendas ciclistas
“Actúase en tres puntos estratéxicos desta transitada estrada, cunha clara mellora da sinalización, para favorecer a mobilidade dos máis de 30.000 veciños destes concellos do Baixo Miño”, explica a representante autonómica
A delegada territorial da Xunta, a alcaldesa de Tomiño, membros da Corporación Municipal e técnicos, supervisando ás obras na estrada PO-552
Foto: X.G.
Infogauda / Tomiño
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a acometer un proxecto de reforzo da seguridade viaria na estrada autonómica PO-552, entre Tomiño e Tui, cun investimento, incluíndo as expropiacións das 14 parcelas afectadas, de 660.000€.
Con motivo do avance dos traballos, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, realizaron unha visita de supervisión da actuación, que se atopa moi avanzada e quedará rematada nas vindeiras semanas.
O proxecto recolle reformas en diversos treitos para facilitar os movementos nas interseccións e habilitar zonas para realizar cambios de sentido. Por elo, no punto quilométrico 60 vanse executar cuñas de incorporación á estrada e construirase unha glorieta na conexión coa PO-344 de acceso ao núcleo de Tomiño, mentres que no 71 reformarase o actual entronque cunha rotonda no cruce coa PO-350.
Así mesmo, vaise proceder á reordenación dos pasos de peóns con reforzo lumínico de detección de persoas, a instalación de iluminación nas glorietas con báculos, a creación de beirarrúas no perímetro das rotondas, a recolocación das paradas de bus con seis novas marquesiñas, o reforzo e redeseño da sinalización e o balizamento con 108 fitos, a creación de sendas ciclistas e a renovación da capa de rodadura e dos sistemas de drenaxe.
Tras a visita, Luisa Piñeiro
destacou o “completo plan” de mellora e mantemento das infraestruturas
viarias que está a acometer na actualidade a Xunta de Galicia “para
soster as nosas estradas nas mellores condicións de seguridade para os
cidadáns” e detallou, no caso desta obra, que “céntrase en tres puntos
estratéxicos e modernizará unha vía caracterizada polo seu elevado
tránsito, polo que cremos que favorecerá a mobilidade e a seguridade dos
máis de 30.000 veciños de Tomiño e Tui de xeito directo e tamén
daqueles outros usuarios desta arteria vertebradora do Baixo Miño”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario