O Concello de Tomiño aposta pola perspectiva de xénero na súa programación cultural, coa vista posta no 25N
A peza teatral ‘Sofía’ será a protagonista do fin de semana xunto co musical ‘A casa do terror’
Infogauda / Tomiño
Con motivo da conmemoración do próximo 25 de novembro, o Equipo de Goberno do Concello de Tomiño apostou por unha programación cultural con perspectiva de xénero, coa presenza da peza ‘Sofía’ o próximo 21 de novembro e coa obra ‘Bernarda’, que será representada o vindeiro 28 de novembro.
‘Sofía’ fala sobre a estrutura da violencia de xénero. Trátase dunha peza curta e unipersoal, próxima á conferencia. Está pensada para que despois se abra un debate co público asistente. A actriz, no escenario, acompañada da súa propia máscara (Platón), fai unha chamada en torno á necesidade de buscar un novo xeito de reflexionar ante a problemática da violencia machista. O espectáculo ten unha duración de 25 minutos e ofrece unha panorámica ante o que sustenta a violencia de xénero: o silencio, a negación, a xustiza patriarcal e o efecto espectador.
A singularidade desta obra vese reflexada na mistura de filosofía e denuncia dun tema tan complexo como é a violencia de xénero. A filosofía que demostra que temos a un público ávido de saber e de reflexionar; un público que precisa de crítica en tempos de crise e non só de mero espectáculo. Será representada o sábado 21 de novembro ás 19:00 horas no Mercado de Tomiño e a entrada será de balde.
O domingo 22 estará tamén no Auditorio de Goián ás 17:30 ‘A casa do terror’ con Xoán Curiel e a banda do verán, prevista para anteriores datas pero que foi aprazada trala suspensión temporal da programación cultural. Un musical cheo de Rock e de terror que se leva a cabo entre cancións, danzas, teatro, clown e participación do público. A perspectiva de terror, non mete medo, é moi divertida e lévase a cabo a través de personaxes como as pulghas sombis, o lobo lover, os ratatiburóns, os gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma e moitas máis!
A entrada terá un custe de 3 euros, 1,5 para menores de 12 anos.
Por último, o vindeiro 28 de novembro representarase tamén no Auditorio de Goián ás 20:30 a obra ‘Bernarda’, triunfadora nos premios de Teatro María Casares. “Bernarda” é unha historia próxima, comprensible e universal. Todas coñecemos a alguén como Bernarda e todos temos un pouco de Bernarda. O choque entre nais/pais e fillos/fillas é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos, vemos a realidade diferente. Cando somos fillos/as queremos romper coas normas que nos impoñen e cando nos convertemos en pais/nais vémonos na obriga de impoñer normas. Un espectáculo imperdíbel.
A entrada terá un custe de 5 euros. As entradas poden ser reservadas a través do correo cultura@tomino.gal ou chamando ao número 986 622 001.
Ningún comentario:
Publicar un comentario