O Mercado de Tomiño estreita lazos coa súa clientela este outono en tempos de illamento social
Pon en marcha unha campaña para promocionar os produtos e servizos de tempada dispoñibles no mercado baseada nos novos hábitos que trouxo a era Covid-19
Infogauda / Tomiño
Potenciar a gastronomía e os produtos e servizos cos que alegrar o día a día ao tempo que se estreitan lazos coa clientela en plena época de illamento social. Ese é o obxectivo da campaña de outono que acaba de poñer en marcha o Mercado de Tomiño, unha iniciativa de promoción baseada nos novos hábitos que trouxo consigo a crise sanitaria e que busca manter o contacto cos usuarios e usuarias e seguir dando un servizo de calidade incluso ante a posibilidade dun novo confinamento.
Nesta nova proposta os praceiros e praceiras serán os protagonistas. Poranse diante das cámaras para crear unha nova canle de comunicación cos clientes e clientas coa que dar resposta ás novas inquedanzas xurdidas a raíz do confinamento:
• O crecente interese pola cociña, con moita xente que aproveitou para iniciarse nas artes culinarias e moitas persoas que melloraron as súas habilidades e queren experimentar novos retos.
• A tendencia a alimentarse mellor e o aumento da demanda de servizos de comida a domicilio.
• A disposición a coidarse máis un mesmo e a coidar o fogar, creando espazos máis agradables e cómodos para desfrutar da vida cotiá.
Para acadalo, o Mercado de Tomiño inicia unha campaña na que os praceiros e praceiras gravarán vídeos explicativos que axuden aos veciños e veciñas a cociñar produtos galegos de calidade á venda no mercado, como a costeleta de vaca vella, os cogomelos, o marisco, as fabas de Lourenzá ou o polo caseiro, produtos protagonistas durante esta tempada de outono.
Para aquelas persoas que prefiran levar os pratos preparados, a campaña dará a coñecer os servizos dispoñibles no Mercado con vídeos explicativos sobre o tempo de potaxe, os almorzos en bandexa, as hamburguesas galegas ou conservas que alimentan.
A campaña complementarase cos produtos e servizos destinados a animar o día a día, como comprar flores do Baixo Miño coas que decorar e alegrar os fogares ou dar consellos sobre o coidado das unllas en tempos tan complicados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario