O CONCELLO DO ROSAL CREARÁ UN ESPAZO MUNICIPAL DE REPARACIÓN, INTERCAMBIO E REUTILIZACIÓN DE OBXECTOS
Acadou unha subvención de 30.000€ cofinanciada con fondos Feder Galicia 2014-2020 para a posta en marcha do proxecto, que busca alongar a vida útil das cousas.
O espazo complementarase con obradoiros de reparación, accións de sensibilización e xornadas de intercambio de obxectos
A alcaldesa do Rosal e a concelleira de Medio Ambiente, xunto as instalacións onde será ubicado o espazo para o intercambio, reparación e reutilización de obxectos
Infogauda / O Rosal
O Equipo de Goberno do Concello do Rosal xa está a traballar na creación dun espazo para o intercambio, reparación e reutilización de obxectos, unha instalación municipal que terá como obxectivo axudar a alongar a vida útil dos bens materiais dos fogares, minimizando o impacto ambiental xerado ao tiralos e aumentando os niveis de reciclaxe. Para poñelo en marcha o Concello acaba de conseguir unha subvención de 30.000 euros para residuos de competencia municipal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Soamente no ano 2019 no Rosal xestionáronse 32 toneladas de roupa e 12,4 toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs) a través dos distintos sistemas de recollida selectiva. “Queremos concienciar ás persoas para afastarnos dos modelos de usar e tirar en prol dun modelo adaptado á economía circular”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente Salcidos, quen salienta que con esta iniciativa búscase “crear un espazo transversal no que impulsar e fomentar a colaboración entre axentes sociais para intercambiar coñecementos e experiencias e contribuír á reparación e reutilización de materiais, alongando a vida útil dos obxectos, facilitando o intercambio de materiais, reducindo os residuos a tratar nos vertedoiros e potenciando a sensibilización ambiental”.
Con este proxecto adecuarase un espazo municipal actualmente en desuso na rúa Cumieira de Arriba, a carón do CPI Manuel Suárez Marquier, e dotarase do material necesario para que nel a veciñanza poida reparar pequenos aparellos eléctricos, bicicletas e outros enseres. Búscase así dar resposta aos rosaleiros e rosaleiras que teñen nocións básicas de reparación de obxectos pero que non dispoñen do material ou do espazo necesarios para facelas.
Este espazo tamén aglutinará todas as accións de sensibilización ambiental que se leven a cabo, dende charlas de medioambiente ou campañas informativas ata obradoiros de autorreparación, xornadas periódicas de intercambio de materiais (libros, roupa, electrodomésticos,…) ou de voluntariado para o intercambio de coñecementos na reparación. “Son ferramentas coas que traballaremos para acadar un modelo de consumo máis sustentable, esencial para a consecución dos obxectivos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible”, resalta a concelleira.
Lonxe de ser un punto de competencia, o proxecto busca ser un complemento do comercio de reparación de electrodomésticos, roupa,…, e de venda de obxectos de segunda man que xa hai no Rosal, así como o das asociacións sen ánimo de lucro que recollen materiais para doalos a persoas en risco de exclusión social. “Será un lugar no que aquelas persoas que xa teñan esgotada a posibilidade de reparar un obxecto por unha cuestión económica ou de vontade dispoñan dun espazo no que poder facelo antes de tiralo ao lixo. Queremos que a veciñanza adquira dinámicas de consumo que aposten polo comercio de segunda man e outras prácticas medioambientalmente máis sostibles”, recalca.
A posta en marcha desta iniciativa permitirá ao concello formar parte da rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, que permitirá compartir coñecementos entre diferentes entidades, poñendo a disposición das persoas recursos en liña para a reparación de obxectos, consellos para dar novos valores a roupa e mobles,…
Ningún comentario:
Publicar un comentario