A Deputación de Pontevedra aproba un investimento de 8 millóns de euros para continuar transformando a provincia
Carmela Silva destaca unha nova inxección de 7 millóns de euros na mellora da seguridade viaria na provincia cos plans Móvese 3 e de Mantemento, culminando así "unha intensa planificación e un modelo propio"
A presidenta da Deputación de Pontevedra, na rolda de prensa de hoxe pola mañá
Infogauda / Pontevedra
A Deputación mobilizou hoxe un volume de oito millóns de euros en investimentos nos eidos das infraestruturas, a cultura e a colaboración cos concellos. En palabras da presidenta, Carmela Silva, "un novo impulso para continuar a impulsar a transformación desta provincia que estamos acometendo a un ritmo vertixinoso". Uns investimentos que Silva anunciou "dende a humildade, pero tamén dicindo que é un orgullo formar parte dunha Administración que funciona e funciona moi ben".
A presidenta destacou que 7 millóns de euros corresponden a "un paquete importantísimo" para o desenvolvemento do modelo de seguridade viaria nas estradas da provincia e subliñou a satisfacción de poder anunciar importantes actuacións para os 1.700 Km das 377 estradas provinciais só 24 horas despois da celebración do Día Mundial en Memoria das Vítimas de Accidentes de Tráfico, evidenciando o compromiso da Deputación co reto "Cero accidentes".
Móvese 3
O Plan Móvese 3, para a construción de elementos de seguridade viaria nos dous próximos anos nas estradas provinciais mobiliza 2.658.000 euros. A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación que fará posible a execución de 478 obras de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade en 54 concellos, unha actuación que, a maiores de propiciar unha maior seguridade, induce tamén a redución dos índices de emisión de CO2, no marco da Axenda 2030. "Un novo paso adiante tralos éxitos do Móvese 1, que comezou en 2016 e Móvese 2, que puxemos en marcha en 2018", destacou Silva. A presidenta tamén aludiu á necesidade de apostar por "políticas keynesianas de obra pública que axuda ás empresas e xera emprego" e abundou que o Móvese 3, que se adxudicará por lotes, abrangue a totalidade da provincia.
Carmela Silva recalcou que, por primeira vez, a Deputación fixo un estudo de campo de tódolos pasos de peóns na rede provincial de estradas "comprobándoos un a un". Froito deste estudo, o Móvese 3 chega coa novidade de que os técnicos provinciais decidirán directamente o 48% das actuacións e non se limitarán a executar as que soliciten os concellos. A presidenta explicou que sumando as obras dos plans Móvese 1 (636) e Móvese 2 (354) chegarase ás 1.740 obras puntuais de seguridade viaria, completando tódalas estradas: "un alcance incrible", afirmou e un investimento total acumulado de 7,2 millóns de euros nos tres plans.
A presidenta recalcou que a Deputación seguirá contando cos concellos para elixir as obras do Móvese 3, e, neste eido, apoiouse no dato de que na actualidade son 54 os concellos adheridos ao plan, que botou a andar en 2016 con 43 municipios. Ao respecto dos resultados alcanzados, afirmou: "40 anos de goberno do Partido Popular, e foi este goberno coaligado de PSdeG-PSOE e BNG o que remata en catro anos un plan de seguridade viaria; iso chámase planificación e ter modelo propio; de feito a Dirección Xeral de Tráfico tennos como un referente e outras Administracións xa teñen seguido este modelo". "Temos proxecto, temos modelo e todo o que facemos ten que ver con iso; nós non gastamos euros por gastar, senón que investimentos en función da Axenda 2030, da seguridade viaria e da accesibilidade universal".
Mantemento das estradas provinciais
A Xunta de Goberno tamén adxudicou os lotes correspondentes ás zonas Norte e Centro para o mantemento e atención a incidencias na rede provincial de Estradas. Os contratos, cunha duración de dous anos, permitirán o reforzo das brigadas propias que cobren o territorio e acadar un mantemento óptimo, garantindo o tránsito durante os temporais invernais, a redución dos tempos de resposta a incidencias, así como a posta a disposición de novos medios e maquinaria especializada e a mellora da eficacia na xestión de residuos.
O investimento provincial alcanzará os 3,2 millóns de euros, que se reparten entre os 1,5 millóns da zona Norte (Silleda, A Estrada, Cerdedo, Forcarei, Caldas de Reis, Cuntis, Valga, Pontecesures e Catoira), outros 800.000 euros para a zona centro (Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Pazos de Borbén, Fornelos, Redondela e Soutomaior) e outros 900.000 euros para a zona Sur, que quedou pendente de adxudicar por trámites administrativos (Salceda de Caselas, Tui, Ponteareas, Salvaterra, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente).
Convenios
Outro dos acordos ten que ver cos convenios para a mellora da seguridade viaria e construción de infraestruturas peonís cos concellos de O Rosal e Meaño, cun valor de 1,1 millóns de euros "con dous proxectos ambiciosísimos", explicou a presidenta. En concreto, no Rosal vaise adecuar a estrada EP3303, de San Xoán de Tabagón a Goián (polo tanto a comunicación co concello de Tomiño). "Unha estrada que agora está pensada só para vehículos e que vai cambiar radicalmente converténdose nun núcleo de comunicación peonil para a xente de dous municipios", destacou Silva Rego. No que atinxe a Meaño, a Xunta de Goberno deu o visto bo ao convenio para investir 300.000 euros na mellora da seguridade na EP9306 entre Cobas e Padrenda.
Plan Concellos
A Xunta de Goberno aprobou a maiores un investimento por importe de 340.000 euros ao abeiro do Plan Concellos, para os municipios de Lalín, A Cañiza, Dozón e Cambados. En concreto, para Lalín aprobouse unha achega de 74.500 euros coa que poderá financiar a adquisición de inmobles para a creación dun equipamento municipal no núcleo de Don Ramiro. En canto ao Concello de A Cañiza, contará cunha subvención de 64.671,23 euros para a rehabilitación dos vestiarios do pavillón da Cañiza e o cambio de cuberta de vestiarios do campo de fútbol de O Vieiro. Doutra banda, Dozón e Cambados recibirán achegas para a contratación de traballadores no marco da Liña 3 de Emprego. En concreto, Dozón recibirá unha achega de 25.437,96 euros, coa que poderá contratar a seis persoas traballadoras e Cambados poderá contratar a 26 persoas grazas a unha axuda de 174.453,44 euros. Carmela Silva detívose especialmente no aspecto laboral do Plan Concellos e destacou que Dozón e Cambados contarán con peóns/peoas xerais, técnicos de medio ambiente, mantemento, auxiliares administrativos, auxiliares de cultura, traballador/a social, arquitecto/a técnico/a, educador/a familiar e auxiliares-conserxes. "Queda clara a utilidade do Plan Concellos para garantir dereitos e servizos á cidadanía, porque gracias a estes recursos, os concellos poden facer fronte á atención dende tódalas áreas", subliñou.
Administración electrónica
Outro dos acordos ten que ver coa adxudicación do contrato-ponte para o soporte da Administración electrónica das entidades locais da provincia que están adheridas a este servizo e que ten un orzamento de 234.246 euros, para que poidan continuar prestando este servizo á cidadanía ata a adxudicación do contrato definitivo, que terá un importe duns 500.000 euros.
Escolas de Música
Tamén, e no marco da aposta da Deputación de Pontevedra pola cultura e por promover a educación musical, aprobáronse hoxe as subvencións ás escolas de música de Asociacións sen ánimo de lucro da provincia. En total, vanse destinar 80.000 euros a 20 escolas (3 máis que o ano pasado) de entidades de 15 concellos da provincia (4 máis que o ano pasado).
ORAL
Por outra banda, Carmela Silva anunciou cambios no Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) para poñer 4 millóns de euros adicionais ao dispor dos concellos a partir do próximo 1 de xaneiro, de xeito que poidan incorporalos aos seus Orzamentos para 2021. A novidade, que será comunicada por carta esta mesma semana, significa que 15 concellos disporán de entre 100.000 e 600.000 euros "cos que non contaban" e o resto recibirán achegas de entre 15.000 e 75.000 euros, segundo os casos. Silva explicou que o ORAL está sumido nun "proceso de mellora brutal" e, con este paso, acaba cunha das últimas disfuncionalidades herdadas do Goberno provincial anterior no relativo á transferencia dos tributos recadados parcialmente. "O anterior Goberno agardaba a que eses tributos se cobraran ao 100% e metía nunha caixa eses cartos correspondentes aos pagos parciais", recalcou Silva. Este novo modelo de transferencia anual dos cobros parciais aos concellos será permanente.
O ORAL dará tamén un paso adiante nos anticipos a conta que a Deputación ofrece aos concellos en base á súa recadación tributaria estimada. A presidenta anunciou que o próximo ano os anticipos chegarán ata os 75 millóns de euros, o que supón uns 12 millóns de euros máis sobre os 63 millóns dos anticipos deste ano "e facémolo porque sabemos que os concellos precisan de recursos por anticipado para poder responder con axilidade ás demandas da súa cidadanía".
Ningún comentario:
Publicar un comentario