16 de nov. de 2020

GALICIA

Galicia conta coas primeiras Directrices da Paisaxe que se integrarán na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio para protexer os valores paisaxísticos  

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que a pretensión do seu departamento é aprobalas ao comezos no vindeiro ano, pero previamente debe ser informado polo Consello Asesor da Paisaxe e aprobado no Consello da Xunta 

 

           A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez

 

Infogauda / Galicia

 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que Galicia conta coas primeiras Directrices da Paisaxe, un documento no que se recollen normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego, coa finalidade de preserva e coidar os valores paisaxísticos.

 A conselleira de Medio Ambiente, xunto co director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, presentou en rolda de prensa as Directrices da Paisaxe, que segundo as previsións do Goberno galego poderán ser aprobadas o vindeiro ano. Este borrador, que se vén de remitir ao Consello Asesor da Paisaxe, deberá ser aprobado polo Consello da Xunta.

 Tal e como explicou a conselleira as directrices pretenden compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia, polo que se establecen normas, que serán obrigatorias para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística, así como para as estratexias rexionais e locais; e recomendacións, que son orientativas e suxiren limitacións ou condicións de carácter xenérico.

 Así, as directrices deberán integrarse en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo en Galicia e polo tanto, deberá ter en conta os valores paisaxísticos en todas as súas fases e, coa súa aprobación, deberá respectar o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxes.

 A modo de exemplo, explicou que as infraestruturas enerxéticas (os tendidos e redes) -como norma- deberán ser subterráneas no caso dos novos desenvolvementos urbanísticos; e os proxectos de alta tensión que atravesen unha Área de Especial Interese Paisaxística (AEIP) calcularán a cunca visual desde todas as alternativas de trazado, asemade nas AEIP só se permitirá a apertura dunha canteira ou mina se é rigorosamente xustificada e non ten impacto e deberanse establecer limitacións respecto das plantacións de eucaliptos.

 En canto á xestión dos espazos naturais protexidos, destacou que -como norma- se dará prioridade á rexeneración das zonas que sufran impactos paisaxísticos como incendios, verteduras ou similares e nos plans e instrumentos de ordenación forestal se fixarán medidas para a eliminación e prevención das especies vexetais invasoras.

 A conselleira tamén fixo referencia as consideracións sobre as infraestruturas e vías de comunicación, incluíndo condicións e criterios de integración, recomendacións para un tratamento axeitado do valor das vistas panorámicas desde as vías de comunicación ou que as pontes de máis de 50 metros de lonxitude requirirán dun informe do organismo competente en materia de paisaxe.

 Tamén se fixa a obrigatoriedade de retirar os carteis, paneis e demais sinaléctica de obras ou actuacións públicas rematado o prazo de permanencia que determinen os compromisos adquiridos no seu finanzamento; así como empregar especies vexetais autóctonas para a revexetación dos elementos viarios, como medianas, rotondas ou noiros.

 Ángeles Vázquez tamén detallou o contido que establecen as Directrices sobre o Camiño de Santiago, establecendo que dentro das zonas visibles do Camiño, e a menos de 500 metros deste, tal e como tamén se define na Lei de Patrimonio Cultural, os cambios de actividades agroforestais requirirán da xustificación mediante unha análise de visibilidade baseada no cálculo da cunca visual.

 A conselleira salientou que estas son algunhas das normas e recomendacións que se establecen nas que serán as primeiras Directrices da Paisaxe, coas que Galicia avanza un chanzo máis no camiño iniciado polo actual Goberno hai máis dunha década para protexer a paisaxe, dez anos nos que se aprobou o Catálogo das Paisaxes, o deseño das Guías da Paisaxe galega e a aprobación do regulamento da Lei da paisaxe, así como a posta en marcha dos primeiros Pactos pola paisaxe.

 A responsable de Medio Ambiente recoñeceu que as paisaxes forman parte do que somos como sociedade, do presente e tamén do futuro; porque a calidade da paisaxe é un perfecto indicador do grao de desenvolvemento dunha sociedade; polo que a boa xestión e ordenación son factores a ter en conta para mellorar a competitividade dun territorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario